A Xunta inviste preto de 150.000 euros na mellora de 3,8 quilómetros de vías rurais en Monterroso
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se acondicionan accesos en varios núcleos de poboación con cargo aos plans de mellora de camiños da Consellería do Medio Rural
Monterroso (Lugo), 22 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia destina 149.600 euros á mellora de vías rurais en Monterroso con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026 e o Plan Marco de mellora de camiños 2024-2025.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, visitou algunhas das zonas de actuación, que supoñen o acondicionamento de case 3,8 quilómetros de conexións viarias en varios núcleos de poboación das parroquias de Novelúa e Ligonde.
As obras ao abeiro do Plan Marco executáronse nun camiño duns 1,6 quilómetros, dende o enlace coa N-640 en dirección a Areosa, pasando por cruces de comunicación cos lugares de Lentil e Lamarretorta. Tamén se acondicionou un acceso a este último núcleo, duns 300 metros de lonxitude.
No que respecta ao Plan Camiña Rural, céntrase na mellora dun vial de 1,5 quilómetros de Lentil a Areosa; e outro de 380 metros en Lardeiros.
As obras contemplan a rehabilitación do firme, actuacións de drenaxe e tamén melloras na sinalización horizontal e vertical, en especial na intersección coa estrada N-640 e no resto de cruces.