A conselleira compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia

Política Social e Igualdade contará en 2026 cun orzamento histórico de 1.391 M€, que permitirá superar as 100.000 persoas dependentes atendidas

A Consellería sitúase como o departamento da Xunta que máis medra, cunha suba do 5%, o que permitirá reforzar as políticas de atención á dependencia, discapacidade, familia, inclusión e loita contra a violencia de xénero

A área de maiores contará con 844M€ para continuar co plan de choque iniciado en 2025 e que permitiu reducir os tempos e simplificar as valoracións de dependencia

Blíndase con 68 millóns de euros a gratuidade na etapa 0-3 en todas as escolas infantís para que Galicia continúe sendo líder en escolarización por cuarto curso

Aumentan nun 8,5% os fondos para a atención á discapacidade, ata chegar aos 191M€ para facer fronte aos incrementos salariais derivados do convenio colectivo e crear máis de 100 novas prazas públicas

Destínanse 3M€ ao mantemento das axudas de 12.000 euros anuais que concede Galicia a persoas con ELA e introdúcese a exención fiscal destas achegas

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que o orzamento do seu departamento para 2026 acada os 1.391 millóns de euros, o que supón “o maior investimento social da historia de Galicia”, cun incremento superior ao 5%. Estas contas reforzan a atención á dependencia, o que permitirá superar a barreira das 100.000 persoas atendidas, e consolidan o apoio ás familias, ás persoas con discapacidade, á igualdade de xénero e á inclusión social en todo o territorio galego.

Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, a conselleira detallou que a área de maiores contará cun investimento de 844M€, un 17% máis que no ano anterior. Isto permitirá aumentar en 94M€ os fondos destinados á dependencia, para seguir incrementando o número de atendidos. Nesta liña, Fabiola García puxo en valor os resultados acadados con Plan de Choque posto en marcha en 2025 e que ten permitido xa contar con máis de 88.000 persoas atendidas, reducir nun 10% os tempos de tramitación e sumar nestes meses máis de 63.400 novos expedientes resoltos favorablemente.

Dentro desta mesma área, destacou que se crearán o vindeiro ano preto de 1.000 novas prazas públicas de atención residencial e que se incrementarán os fondos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata sumar 148M€, co obxectivo de pechar canto antes un acordo coa Fegamp para o aumento da achega da Xunta ao financiamento deste servizo. Ademais, refórzase con 179M€ o Bono Coidado no Fogar, que reciben máis de 33.000 persoas, e continuarase coa ampliación e mantemento da rede de Casas do Maior, con 5,9M€. Fabiola García tamén fixo fincapé en que os Orzamentos blindan as axudas para as persoas diagnosticadas con ELA, con case 3M€ para as achegas de 12.000 euros anuais que reciben aproximadamente 200 galegos e galegas. A isto sumaranse as exencións fiscais aprobadas para estas axudas.

A conselleira explicou que se reservan 253,4M€ para as políticas relacionadas coa familia, a infancia e o reto demográfico. Deste total, 68M€ estarán destinados á gratuidade das escolas infantís, para que 32.000 familias non teñan que pagar nada pola atención educativa. A Xunta ten o obxectivo de seguir mantendo a Galicia, por cuarto curso consecutivo, no liderado na matriculación, cun 65% e 15 puntos por riba da media estatal. Nesta área tamén se consolidan medidas como a Tarxeta Benvida, con 32M€, ou o Bono Concilia Familia, con 2,6M€, e a dotación para as familias acolledoras, con 5,7M€. Por último, destacou o aumento un 9% do orzamento para reforzar a rede de centros e recursos de protección da infancia e adolescencia, dotado con 71,1M€.

Fabiola García tamén destacou o esforzo orzamentario que se fará na atención á discapacidade, con 191M€, un 8,5% máis que neste 2025. Anunciou que, grazas a esta suba, incrementarase o investimento da Xunta no financiamento das prazas concertadas, con máis de 7M€ para facer fronte aos incrementos salariais derivados do convenio colectivo. E apostarase, ademais, pola creación de máis de 100 novas pazas públicas. En 2026, tamén se continuará estendendo a Rede de Atención Temperá, co obxectivo de rematar o ano con 64 unidades en toda Galicia que prestarán servizo a máis de 240 concellos.

Na súa intervención, a conselleira explicou que se reservan nas contas 130M€ para blindar as políticas de inclusión social, co mantemento da Risga (46M€), das axudas de inclusión social (5M€) e complemento para as PNC (8M€). Ademais, tamén se asumirá a xestión do Programa Básico, con 7,3M€ para apoiar a 8.000 familias vulnerables.

Loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade

No eido da loita contra a violencia de xénero, destinaranse preto de 25M€ para manter os recursos, servizos e prestacións e para reforzalos e amplialos. Por exemplo, con 4,2M€ para a prestación periódica, única en España con estas condicións, que chega a 653 mulleres e con 2,6M€ para as axudas de pago único. Nesta área, tamén aumenta en 1,5M€ a partida para darlle ás vítimas solucións habitacionais, o reforzo da Rede Galega de Acollemento, con 1,2M€, a posta en marcha dos catro  CIMS móbiles, con 4M€, ou as partidas que suman 4,4M€ para a inserción laboral das mulleres.

Por último, a conselleira destacou a aposta en políticas de promoción da igualdade de xénero, con preto de 29M€, o que supón un 2,1% máis. Neste sentido, destacou que se apostará pola sensibilización no eido educativo e nos principais festivais de música, así como polo reforzo dos centros Quérote+ e dos Centros de Información á Muller (CIMS).

Ademais, blindarase o apoio ao emprendemento feminino, facendo especial fincapé no  rural, nos sectores masculinizados e nas medidas destinadas ás mulleres de máis de 55 anos. Así, resérvanse 5,1M€ para estas axudas e unha partida de 1,9M€ para o apoio ás mulleres que se atopan en situación de maior vulnerabilidade, 1,9M€. Fabiola García tamén detallou as políticas orientadas ao fomento da corresponsabilidade, onde destaca especialmente o Plan Corresponsables, ao que a Xunta destina 9,3M€ para afrontar o confinanciamento imposto polo Goberno central a metade deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025