A Xunta pon en valor a ‘XVII Tasca do Liño’ da insua en Vilalba como un evento de referencia na recuperación dos oficios artesanais tradicionais

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitou hoxe a edición número 17 desta iniciativa impulsada pola Asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Insua, na que o Goberno autonómico colabora a través de dous obradoiros de estampaxe e tinguido

Vilalba (Lugo), 25 de outubro de 2025

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá en Vilalba a XVII Tasca do Liño, organizada pola Asociación de mulleres rurais de San Bartolomeu de Insua e coa que se busca rememorar o traballo tradicional do liño e as festas que se organizaban antigamente con motivo dos procesos de preparación desta fibra téxtil. Durante a súa visita, resaltou o papel deste tipo de eventos monográficos na divulgación dos oficios artesanais e, en concreto, esta Tasca do liño para a visibilización dos oficios tradicionais vinculados á produción e ao tecido do liño.

No programa de actividades inclúense demostracións da tasca do liño, actuacións musicais, gastronomía, unha exposición de traxes tradicionais e unha entrevista co historiador Manuel Rodríguez Calviño, que falará sobre os espadeadores do liño. A programación complétase con dous obradoiros artesanais abertos a todos os públicos a través da Fundación Artesanía de Galicia e que se realizarán ao longo de toda a xornada. Trátase do obradoiro de tinguido por reserva, a través da técnica Tie Dye, impartido por Peixesapop (Vigo) e do obradoiro de estampaxe de libretas con selos, impartido por Amor ó teu (Ames).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2025