A Xunta reforma as ramplas de acceso do CEIP Pedro Antonio Cerviño para mellorar a súa accesibilidade
Esta actuación contou cun investimento da Xunta de preto de 25.000 euros
Os orzamentos da Xunta para o ano 2026 contemplan unha importante actuación neste centro educativo de máis de 700.000 euros
O delegado territorial lembrou o compromiso da Xunta coa comunidade educativa e o traballo constante para manter unhas instalación modernas e confortables
Campo Lameiro (Pontevedra), 27 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP Pedro Antonio Cerviño, no concello de Campo Lameiro, no que a Xunta ven de realizar unha actuación para mellorar a súa accesibilidade.
Así, os traballos, que supuxeron un investimento de preto de 25.000 euros, consistiron na reforma das ramplas de acceso ao centro. Desta forma, facilitase o acceso ás persoas con mobilidade reducida á vez que se fomenta a súa independencia e autonomía. Cabe destacar que esta actuación en materia de accesibilidade da continuidade á realizada o pasado curso, que consistiu na creación dun aseo adaptado.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar os importantes investimentos que se levaron a cabo este verán en reformas e melloras dos centros educativos de toda a provincia de Pontevedra e asegurou que “a Xunta mantén un compromiso moi claro con toda a comunidade educativa, que merece unhas instalacións modernas, confortables e á altura da calidade do ensino galego”.
Orzamentos
Os orzamentos da Xunta para o ano 2026 contemplan unha importante actuación neste centro escolar. En concreto, o investimento que se fará neste centro supera os 700.000 euros.
 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
										