A Xunta participa na Feira Gastrónoma Valencia para poñer en valor o sector alimentario galego
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe a este evento, que definiu como fundamental para abrir os produtos alimentarios galegos a novos mercados e consumidores
Ademais dos expositores, as consellerías do Medio Rural e do Mar organizaron un completo programa de actividades onde se poderán degustar unha gran variedade de produtos con certificación de orixe galega
Valencia, 27 de outubro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á Feira Gastrónoma Mediterránea que se está a celebrar en Valencia. A Consellería do Medio Rural participa neste evento da man de 14 expositores de sectores que representan a ampla variedade do sector agrogandeiro galego, e que pon de relevo a potencialidade e versatilidade da oferta gastronómica da comunidade.
Alemparte sinalou que a participación en espazos como Gastrónoma Mediterránea é fundamental para abrir os produtos agroalimentarios galegos a novos mercados e consumidores. Ademais da presenza en expositores, os viños galegos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida poderán degustarse nun túnel do viño no que estarán presentes arredor de 138 referencias, así como unha representación de augardentes e licores tradicionais.
Ademais dos expositores, as consellerías do Medio Rural e do Mar organizaron un completo programa de actividades onde se poderán degustar unha gran variedade de produtos con certificación de orixe galega. Desenvolveranse accións nas que estarán presentes viños das DO Valdeorras e Ribeira Sacra, así como unha degustación dos catro queixos galegos con DOP (Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa) e catas da DO Monterrei e Valdeorras.
Galicia sabe AMAR
A Consellería do Mar acode a este encontro co seu stand de Galicia Sabe AMAR, a través do que dá a coñecer a excelencia dos produtos marítimo-pesqueiros, poñéndoos en valor e xerando novas oportunidades mercantís. Precisamente, co obxectivo de valorizar os alimentos que proporciona a costa galega, este departamento manterá o esforzo que viña facendo ata o de agora cos fondos destinados á mellora da súa comercialización, que superan os 14 millóns de euros. Un esforzo inversor que permite afianzar campañas como a indicada, a participación en máis de 100 foros, eventos e feiras, e o proxecto pioneiro de desenvolvemento de xornadas de coñecemento dos produtos e a súa difusión en prazas de abastos e mercados locais.
A xornada do martes 28 comezará cunha degustación de viños da DO Ribeiro e de produtos amparados co selo Artesanía Alimentaria.
Gastrónoma Mediterránea
A deste 2025 é a décima edición de Gastrónoma Mediterránea, considerado como un dos congresos sectoriais máis importante do país. Nesta décima edición contarán coa presenza de 290 expositores que ocuparán 28.500 metros cadrados de superficie e desenvolverase un programa onde a innovación, o talento e o produto son os protagonistas.
 
											
											 
											
											 
									 
									 
										 
										