O presidente da Xunta de Galicia participou en Oviedo na presentación do libro `Territorio de Encuentro´, de Guillermo Martínez Suárez
Rueda enxalza a cultura e historia común de Asturias e Galicia e aposta por reforzar a alianza mutua para enfrontar os retos de presente e futuro do noroeste
Subliña o vínculo a través do Camiño Primitivo, que nace en Oviedo e que se conmemorou o pasado mes de abril coa instalación dun fito xacobeo
Destaca a sintonía institucional entre Galicia e Asturias na defensa de intereses comúns como o apoio ao sector pesqueiro ou a loita contra o despoboamento
Oviedo, 28 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Oviedo na presentación do libro Territorio de Encuentro, de Guillermo Martínez Suárez, e quixo aproveitar para destacar o vínculo histórico, cultural e humano que une a Galicia e Asturias.
O titular do Goberno galego destacou que ambas Comunidades son, máis que territorios veciños, espazos irmáns nos que a historia, a cultura e a vida cotiá tecen lazos permanentes. Salientou que ambos territorios comparten unha forma de ser e de vivir baseada no traballo ben feito, na serenidade e no orgullo de preservar a súa identidade.
Rueda puxo en valor o Camiño Primitivo como un dos símbolos máis poderosos desa irmandade, ao unir a Catedral de San Salvador de Oviedo coa de Santiago de Compostela. Lembrou que o pasado mes de abril se instalou na capital asturiana un novo fito xacobeo que sinala o inicio da ruta orixinal percorrida por Alfonso II hai máis de mil anos, e que representa a continuidade e a amizade entre ambos pobos.
O presidente galego destacou tamén a dimensión económica e social do Camiño, lembrando que este ano máis de medio millón de peregrinos chegaron a Compostela, dos cales preto de 26.000 escolleron o Camiño Primitivo, un 14 % máis que o ano pasado. Neste senso, sinalou que Asturias terá un papel destacado na celebración do Xacobeo 2027, un evento que volverá situar o Camiño de Santiago no centro da atención global.
Rueda referiuse tamén á sintonía institucional existente entre Galicia e Asturias, que se reflicte na defensa de intereses comúns como o apoio ao sector pesqueiro, o impulso das enerxías renovables, a loita contra o despoboamento ou o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste. Insistiu en que esta infraestrutura é esencial para mellorar a competitividade e garantir a igualdade de oportunidades de todo o noroeste español, e defendeu que a cooperación entre ambos territorios é a vía para facerse escoitar en Madrid e en Bruxelas.
O xefe do Executivo autonómico convidou ao seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, a avanzar por un camiño de cooperación e excelencia cara unha proxección optimista de futuro, e reivindicou a unidade histórica de Galicia e Asturias en valores e vontade de construír éxitos de xeito conxunto.