A Xunta destina máis de 35.000 € á mellora das instalacións de tres comunidades de usuarios de augas no concello de Forcarei
O delegado territorial visitou as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas de Quintillán que recibiu unha achega de 12.000 euros
Forcarei (Pontevedra), 29 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas de Quintillán, no concello de Forcarei, que foi unha das beneficiarias das axudas convocadas por Augas de Galicia para a mellora das súas instalacións.
En concreto, esta comunidade de augas recibiu unha achega de preto de 12.000 euros que lles permitiu mellorar a cuberta do seu depósito co obxectivo de minimizar o risco de contaminación e de garantir a salubridade da auga que consumen decenas de fogares.
No concello de Forcarei foron tres as comunidades de augas que se beneficiaron destas axudas por un valor total de máis de 35.000 euros.
O delegado territorial destacou a importancia de seguir colaborando con estas asociación que “levan a cabo unha labor imprescindible para manter vivo, e con todos os servizos necesarios, moitos puntos do rural galego”.