A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe no foro Debate sobre os polos de excelencia de Galicia, organizado polo Club Financeiro de Santiago
Lorenzana destaca a necesidade de investir en innovación porque “non é unha tendencia” senón un factor clave para que as empresas sexan competitivas
Subliña o paquete de axudas que recollen os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano que supera os 47 M€
Salienta a necesidade de reforzar o investimento en innovación, especialmente nas pemes, que son o 95 por cento do tecido empresarial galego
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a ambiciosa aposta que a Xunta está facendo pola innovación empresarial, cun paquete de axudas nos orzamentos do vindeiro ano que suman máis de 47 millóns de euros e que enmarcou no obxectivo de seguir impulsando a produtividade, a competitividade e a captación de investimentos.
Lorenzana interveu hoxe no foro Debate sobre os polos de excelencia de Galicia, organizado polo Club Financeiro de Santiago, na mesa que abordou O PIB e a competitividade en Galicia. Alí, recoñeceu que Galicia crece ben, pero é necesario que ese crecemento se traduza en máis valor engadido e máis eficiencia. E iso, engadiu, pasa por reforzar o investimento en innovación, especialmente nas pemes, que son o 95 por cento do tecido empresarial galego.
Nesta liña, lembrou que, grazas ao programa de business factory promovido pola Xunta e referencia nacional, Galicia conta cun ecosistema de startups en expansión, con case 400 empresas tecnolóxicas que suman unha facturación conxunta de 290 millóns de euros e máis de 2.900 empregos de alta cualificación. “Galicia é hoxe unha comunidade onde unha idea pode facerse empresa”, abondou, para remarcar que a innovación, hoxe en día, “non é unha tendencia, vai ligada á produtividade”.
Na súa intervención, a conselleira apuntou, tamén, que Galicia ten unha situación moi óptima para atraer investimentos e facer crecer ás empresas xa implantadas, un dos principais obxectivos da política económica da Xunta que prioriza, para iso, a desburocratización e a flexibilización nas condicións de acceso a solo industrial. “O reto é seguir gañando velocidade administrativa e coordinación institucional, para facer que o investimento chegue antes e xere impacto real”, subliñou.
Neste contexto, considerou que a competitividade xa demostrada do tecido empresarial galego é o que fai posible o récord exportador que vén rexistrando Galicia nos últimos anos, por riba dos 31.000 millóns de euros e con 6.268 empresas exportadoras, das que 2.800 son regulares; é dicir, teñen xa presencia estable nos mercados internacionais.
Lorenzana concluíu asegurando que para que a economía galega siga crecendo e captando novos proxectos industriais é necesario que empresa, administración e cidadanía estean no mesmo equipo.