O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no encontro que clausura hoxe en Santiago a empresa de seguros Howden Iberia

A Xunta reafirma o seu compromiso coa colaboración público-privada como administración facilitadora que dá resposta ás necesidades do tecido produtivo

José González puxo de relevo a presenza internacional de Howden Iberia, así como as máis de mil persoas traballadoras coas que conta, incluído un cento na nosa terra

Avogou por traballar da man de compañías coma esta para afrontar retos como a cobertura de vacantes, o absentismo ou a garantía do benestar laboral, no marco do Diálogo Social que, recordou, está en proceso de ser institucionalizado en Galicia

Avogou por sumar e reter talento levando a formación ás empresas tanto para capacitar as persoas desempregadas como para recualificar as ocupadas, poñendo o foco tamén en colectivos prioritarios como a mocidade ou as mulleres

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reafirmou hoxe o seu compromiso coa colaboración público-privada e con que a Xunta siga sendo Administración facilitadora co gallo de dar resposta ás necesidades do tecido produtivo, tanto das empresas como das persoas traballadoras. Así o dixo no marco do encontro que clausura hoxe en Santiago de Compostela a firma de seguros Howden Iberia, cuxa presenza dentro e fóra de España destacou, ao igual que os seus máis de mil traballadores, incluído arredor dun cento na nosa Comunidade.

Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de escoitar a todos e cada un dos axentes sociais, impulsando —e nunca obstaculizando— a súa competitividade no marco dun mercado laboral dinámico e inclusivo. Nese senso, avogou por abordar retos como a cobertura de vacantes, o absentismo ou a garantía do benestar laboral, sempre no marco do Diálogo Social que —segundo recordou— está en proceso de ser institucionalizado en Galicia nun futuro decreto co obxecto de potencialo.

Ante o desafío de sumar e reter talento, González salientou que o Goberno galego está comprometido con levar a formación ás empresas tanto para capacitar as persoas desempregadas como para recualificar as ocupadas. Así, a nova filosofía das accións formativas para desempregados contará con 60 millóns de euros de investimento en 2026, mentres as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación terán 8 M€. A maiores destas accións que verán reforzada a súa vinculación cos itinerarios formativos para optimizar a inserción laboral e o valor engadido para o tecido produtivo, cabe engadir as destinadas a ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 millóns. 

Todo no marco da aposta da Xunta de Galicia pola formación flexible e axustada ás demandas das empresas en tempo real, ao igual o proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas que se impulsará o ano que vén (5 M€) ao abeiro do decreto pioneiro que se prevé aprobar este próximo mes de decembro.

A maiores, o titular de Emprego quixo poñer en valor a folla de ruta autonómica para reter e aproveitar o talento da mocidade, así como doutros colectivos prioritarios como as mulleres. Tamén se referiu ao retorno de galegos do exterior e á incorporación ordenada e planificada ao mercado laboral de persoas de terceiros países, poñendo de relevo que todas as medidas sobre emprego dirixidas a estes dous grupos se canalizarán, para potenciar a súa eficacia, na nova Oficina de Atracción de Talento coa que contará a Xunta.

Nesa liña, José González concluíu sinalando que o Goberno galego terá sempre a man tendida para avanzar na colaboración cos axentes sociais, aportando certezas e seguridade, axudando a abordar retos estruturais do tecido produtivo e permitindo aflorar novas oportunidades de crecemento.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025