O delegado territorial da Xunta, anuncia en Gomesende a próxima licitación das obras de mellora de abastecemento da parroquia de San Lourenzo de Fustáns por 0,5 M€
A Xunta cofinancia e impulsa obras de xestión dos recursos hídricos da provincia de Ourense por 8,5 M€
O delegado territorial puxo en valor o esforzo inversor do Goberno galego para mellorar a xestión da auga na provincia e o seu estado ambiental, “o que favorecerá tamén o desenvolvemento de actividades económicas ligadas a ela, como a pesca ou o turismo, e o benestar e calidade de vida da poboación”
Manuel Pardo detallou a posta a punto da EDAR de San Cristovo de Cea, con 1,1 M€; a mellora do abastecemento e do saneamento nos núcleos da Grova e As Chabolas, en Ribadavia, con 1,4 M€; a renovación de infraestruturas hidráulicas na parroquia de Laias, en Cenlle, con 0,5 M€; a renovación dos sistemas de abastecemento e saneamento na travesía da Almuzara, na N-541, en Boborás, con 0,9 M€ e a renovación da tubaxe de abastecemento entre Pazos de Arenteiro (Boborás) e a ETAP de Leiro con 1 M€
O representante do Goberno galego recalcou o compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración municipais, a través dun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de xestión dos recursos hídricos
Ourense, 31 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Gomesende para anunciarlle a súa alcaldesa, Pura Rodríguez, a próxima licitación das obras de mellora de abastecemento da parroquia de San Lourenzo de Fustáns, ás que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, vai destinar 500.000 euros.
O delegado territorial puxo en valor o esforzo inversor do Goberno galego para garantir para o futuro a colaboración mantida nos últimos anos entre Augas de Galicia e os concellos ourensáns para optimizar os servizos relacionados coa auga, algo esencial para levar a cabo estas actuacións xa que a planificación e a execución conxunta permiten que se primen as obras máis necesarias e se fagan realidade, optimizando recursos e mellorando a eficiencia das infraestruturas.
Así, salientou os 8,5 M€, contía cofinanciada con fondos propios, europeos e municipais, que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vai destinar a 11 intervencións hidráulicas de calado e de varias obras de menor envergadura en concellos da provincia de Ourense, co gallo -segundo o delegado territorial- “de mellorar a xestión dos recursos hídricos da provincia e o seu estado ambiental, o que favorecerá tamén o desenvolvemento de actividades económicas ligadas a eles, como a pesca ou o turismo, e o benestar e calidade de vida da poboación”.
Manuel Pardo detallou que entre as obras de gran calado están previstas a posta a punto da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cristovo de Cea, comprometida a comezos deste ano cun investimento de 1,1 M€; a mellora do abastecemento e do saneamento nos núcleos da Grova e As Chabolas, en Ribadavia, con 1,4 M€; a renovación de infraestruturas hidráulicas básicas na parroquia de Laias, en Cenlle, cun investimento previsto de 500.000 euros; a renovación dos sistemas de abastecemento e saneamento na travesía da Almuzara, na N-541, en Boborás con 0,9 M€ e a renovación da tubaxe de abastecemento entre Pazos de Arenteiro (Boborás) e a ETAP de Leiro con 1 M€
“Todas estas obras – subliñou o delegado territorial- supoñen avanzar e garantir para o futuro a colaboración mantida nos últimos anos entre Augas de Galicia e os concellos ourensáns para optimizar os servizos relacionados coa auga, algo esencial para levar a cabo estas actuacións xa que a planificación e a execución conxunta permiten que se primen as obras máis necesarias e se fagan realidade, optimizando recursos e mellorando a eficiencia das infraestruturas”.
O representante do Goberno galego concluíu poñendo en valor o compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración municipais, a través dun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de xestión dos recursos hídricos.
A colaboración cos concellos
Manuel Pardo recalcou que tanto as actuacións xa executadas como as que están en obras ou en preparación nesta provincia teñen un impacto directo na calidade de vida dos ourensáns, especialmente en aspectos relacionados co saneamento, a depuración das augas residuais, a protección ambiental coidando do estado das masas de auga e a garantía do abastecemento.
A mellora das infraestruturas hidráulicas, en todo caso, non só garante unha subministración de auga de mellor calidade, senón que tamén mellora os ecosistemas acuáticos e axuda a reducir os riscos ambientais e para a saúde, proporcionándolle un maior benestar á cidadanía e un contorno máis seguro e sostible en que vivir.
De feito, Augas de Galicia avanza na súa colaboración coas entidades locais —que son as competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración— para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
Así, ese compromiso cos gobernos locais plasmarase tamén este ano no orzamento global de Augas de Galicia, con case 152 millóns de euros, un 5,49% máis que en 2025. Dese total, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas que melloren a calidade de vida da poboación.