Valentín García pon en valor “os avances da Xunta para intensificar a presenza do galego no eido dixital”

O secretario xeral da Lingua participa en Donostia nunha xornada dedicada ao impulso dos distintos idiomas oficiais do Estado na Intelixencia Artificial

Destaca no seu relatorio o ‘Proxecto Nós’, puntualizando que “é unha das nosas iniciativas máis ambiciosas a prol da lingua que depende en boa maneira das axudas do Goberno central”

O proxecto xa leva creadas varios recursos, desde ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz ata corpus abertos e bancos de datos

Donostia (Euskadi), 4 de novembro de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en Donostia nunha xornada dedicada ao impulso das linguas oficiais do Estado na Intelixencia Artificial, tras formar parte onte, xunto cos seus homólogos do País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares na constitución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística.

Así, o representante da Xunta foi un dos relatores dunha mesa redonda que versou sobre o proxecto Impulso de las lenguas en Inteligencia Artificial enmarcado no PERTE de Nova Economía da Lingua  para fomentar o uso dos idiomas no eido dixital. Neste senso, incidiu en que se trata “dun programa esencial para desenvolver algunhas das iniciativas máis ambiciosas da Administración galega para intensificar a presenza da lingua en distintos espazos, especialmente a través das plataformas tecnolóxicas”.

A este respecto, Valentín García puxo o foco no Proxecto Nós, que está a desenvolver a Xunta, “de grande importancia para asegurar que o galego sexa tamén unha lingua habitual no eido dixital, e que depende, en boa maneira destas axudas para que se siga a desenvolver da maneira axeitada”, puntualizou. Deste xeito, lembrou a reclamación que desde o Executivo autonómico se ven facendo nos últimos tempos “para que Galicia reciba a cantidade comprometida polo Goberno central a través do PERTE, 15 M€, dos que só se percibiron 3,5 M€”.

O galego nas novas linguaxes dixitais

O Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Naceu en 2020 co obxectivo de garantir a presenza da lingua no entorno dixital do século XXI sendo clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: desde corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego.

Os recursos desenvolvidos ao abeiro do proxecto son de libre acceso por terceiros, o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.

Tal e como indicou Valentín García, actualmente a Xunta está pechando un novo convenio co obxectivo de consolidar e ampliar as principais liñas de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala.  

Este traballo a prol do galego no mundo dixital encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro do Pacto pola Lingua e co obxectivo de impulsar o seu uso, incentivar a súa presenza en todos os sectores da sociedade e prestixialo como idioma nos diferentes espazos de convivencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025