A Xunta alerta sobre a paralización de proxectos fundamentais para Galicia pola falta de orzamentos do Estado
O Goberno galego lembra que a carencia de contas desde 2022 incumpre un mandato constitucional e non debe normalizarse
A estabilidade de Galicia ao contar con Orzamentos permite levar a cabo unha estratexia de Goberno que beneficia á cidadanía galega
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A Xunta alerta sobre a paralización de proxectos fundamentais para Galicia pola falta de Orzamentos do Estado. Hai tres anos que non se presentan os orzamentos, o que supón incumprir un mandato constitucional e é algo que non se pode normalizar, explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no Parlamento galego.
A demora na actualización das entregas a conta do Sistema de Financiamento Autonómico provocou uns gastos financeiros de 10,3 M€ no 2024 e de case 5 M€ este ano. Case 100.000 empregados públicos da Administración autonómica seguen co salario conxelado a piques de rematar o ano. Ademais, insistiu Miguel Corgos, fai que se complique a planificación e a execución regular das infraestruturas de competencia estatal e que non se poidan abordar novas actuacións do Estado en Galicia.
Outro problema derivado da falta de contas estatais é que as CC.AA. e as entidades locais teñen dificultades crecentes para elaborar os seus orzamentos por falta de información básica do Estado, ademais da actualización de entregas a conta, a aprobación da senda financeira, a convocatoria do CPFF, ou datos sobre a regra de gasto. Trátase dunha información da maior relevancia cando todas as administracións precisan adaptarse ás regras fiscais aprobadas hai ano e medio pola UE.
Pola contra, aseverou o conselleiro de Facenda, a estabilidade institucional e política de Galicia permite aprobar en tempo e forma os Orzamentos cada ano e, en consecuencia, levar a cabo unha estratexia de Goberno que beneficia á cidadanía galega, xa que permite realizar actuacións como a mellora a prevención co reforzo dos cribados, cun incremento do 11 % ou a consolidación do calendario vacinal “máis completo de España”, cun aumento do 18 %.
Ter as contas aprobadas posibilita, tamén, contar coa maior dotación da historia na atención primaria, que chega aos 1.747 millóns de euros e reforzar o Programa de Saúde Mental, con 17 M€ e 21 psicólogos. Miguel Corgos afirmou ademais que, deste xeito, se pode triplicar o financiamento para proxectos de vivenda protexida, que pasan de 5 a 14 millóns de euros e lanzar un novo plan de axudas que cubrirá ata o 75 % das obras de rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes.
As contas de 2026, explicou o responsable da Facenda galega, permiten apoiar aos autónomos con 40 millóns de euros e fomentar o emprendemento con 5,3 millóns de euros, achegar 3 millóns de euros á nova Fábrica Europea de Intelixencia Artificial, unha das dúas únicas de España, destinar 34 millóns de euros ao Polo cuántico co supercomputador máis potente do sur de Europa ou duplicar os recursos dos convenios con concellos para a limpeza de faixas secundarias.