Lorenzana reúnese coa nova directiva da Federación Galega de Parques Empresariais e compromete colaboración para a mellora destes espazos
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recibiu esta mañá ao novo comité executivo da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) co seu presidente á cabeza, José Ángel Vázquez Berdiñas. A entidade, que renovou a cúpula do seu equipo directivo en abril deste ano, agrupa 25 asociacións das catro provincias galegas co obxectivo de mellorar a mobilidade, a seguridade e avanzar na súa modernización.
No encontro fíxose un repaso ás principais necesidades das áreas empresariais galegas e abordáronse diferentes vías de colaboración para impulsar a dinamización e mellora destas infraestruturas. Neste senso, a titular de Economía e Industria do Goberno galego gabou a boa disposición amosada pola nova directiva para desenvolver actuacións conxuntas que redunden na mellora destes espazos.