A Xunta adxudica por preto de 146.000 euros a execución da mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, en Manzaneda

As actuacións, ao abeiro do Plan Hurbe, consistirán na mellora do pavimento do camiño, das beirarrúas e da senda nunha estrada entre a parroquia de San Martiño e o núcleo de Manzaneda, ademais da revisión das redes pluviais e a dotación de zonas verdes

Este viario ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é a principal comunicación entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda ata A Pobra de Trives

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 145.800 euros a execución das obras de mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño do concello ourensán de Manzaneda.

O contrato, adxudicado á empresa Explotacións Medioambientais, S.L.U., enmárcase no Plan Hurbe da Xunta, co que o departamento que dirixe María M. Allegue colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

A actuación adxudicada consistirá no acondicionamento do camiño municipal que une os núcleos rurais de Manzaneda e Soutelo, que actualmente conta con deficiencias na súa capa de rodaxe, drenaxe e sinalización viaria horizontal. Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de pequenas zonas verdes.

Este camiño coñecido como subida a Soutelo ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é o principal viario que os comunica entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda ata A Pobra de Trives. Esta vía tamén é empregada polos turistas que visitan estas paraxes de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.

De acordo ao convenio asinado pola Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70% do custe da actuación, contratará e executará as obras, mentres o Concello de Manzaneda achegará o 30% restante. O prazo de execución das obras estímase en catro meses.

A través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Data de actualización: 08/11/2025