A Asociación de veciños ‘Ombreiro río Miño’ mellorou o seu local social coa apoio da Xunta
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego achegou 12.000 euros a través do Plan de acción comunitaria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Lugo, 7 de novembro de 2025
A Xunta colaborou coa asociación de veciños Ombreiro Río Miño na execución de varias actuacións no seu local social, situado no núcleo do Rigueiro, na parroquia lucense de Ombreiro.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o lugar para coñecer o resultado das obras, entre as que destacan as encamiñadas a mellorar a accesibilidade e o illamento do inmoble. A achega autonómica foi de 12.000 euros.
Os traballos incluíron a eliminación das escaleiras que había na entrada e a instalación dunha barra de suxeición no cuarto de baño, pensada especialmente para as persoas con problemas de mobilidade.
Tamén se eliminaron filtracións de auga, instalouse teito de pladur, renovouse a instalación eléctrica e realizáronse outros pequenos arranxos que eran necesarios para o bo funcionamento das instalacións.
Arias apuntou que a asociación de Ombreiro foi beneficiaria das axudas do Plan de acción comunitaria deste ano, convocado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para colaborar coas entidades veciñais na mellora dos espazos nos que desenvolven as súas actividades. Nunha edición anterior deste programa, a mesma agrupación lucense obtivo unha achega de 17.000 euros destinados a acometer obras e adquirir material para o seu local social.
Senda peonil na estrada LU-234
O delegado aproveitou o encontro cos veciños para informar sobre os avances de cara á construción da senda peonil que executará a Xunta na estrada autonómica LU-234 en Ombreiro, cun investimento de 625.000 euros.
Arias apuntou que a redacción do proxecto está en marcha, despois de terse formalizado o contrato o pasado mes de xuño. O percorrido será algo superior a un quilómetro e irá dende Ponte Ombreiro ata Torre de Riazón, co obxectivo de facilitar unha mobilidade segura pola zona.
A obra forma parte da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que actualmente ten en marcha a redacción dos proxectos para construír os primeiros itinerarios. Ata o ano 2027, está previsto un investimento de 70M€ para sumar máis de 120 novos quilómetros de sendas peonís na Comunidade.