A delegada da Xunta visitou asociación de veciños Casa Agraria que aproveitou este apoio para levar a cabo a renovación de acumuladores e cambio de fiestras

Belén do Campo destaca que a Xunta apoia con axudas a catro entidades veciñais da cidade de Santiago a través do plan específico de acción comunitaria con case 32.000€

As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado

A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a asociación Casa Agraria de Santiago, beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025 de concorrencia competitiva.

A actuación realizada no seu local social, contou cunha achega de 12.000 euros, por unha parte para levar a cabo a renovación de acumuladores. Concretamente, levouse a cabo a renovación de tres acumuladores eléctricos situados na planta baixa: un na oficina e dous no espazo multiusos. A instalación dos novos acumuladores permite mellorar a eficiencia do sistema de calefacción, reducir o consumo eléctrico e ofrecer un servizo máis fiable e continuo. Con esta actuación contribúese tamén ao cumprimento das medidas de aforro enerxético e sustentabilidade medioambiental, obxectivos prioritarios na xestión do centro.

Ademais, no marco das actuacións para a mellora de eficiencia enerxética das instalacións levouse a cabo tamén a substitución das antigas fiestras da fachada principal do centro sociocultural por novos cerramentos con mellores prestacións térmicas e acústicas.  Esta intervención permitiu optimizar o illamento do edificio, contribuíndo á redución das perdas de enerxía, ao aforro no consumo eléctrico asociado á climatización e ao aumento do confort interior para as persoas usuarias.

A delegada apuntou que ao abeiro desta orde en Galicia medran os proxectos impulsados en 2025, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024, dos cales 72 proxectos son da provincia da Coruña por un importe de case 550.000 euros e informou que na cidade de Santiago reciben estas achegas, 4 entidades, a asociación de veciños Casa Agraria e  a asociación de veciños Álvaro Cunqueiro, da liña de obras, e a asociación de veciños Rego das Pedras e a asociación de veciños Río Sarela da liña de equipamentos. Estas 4 achegas suman case 32.000 euros. Na comarca de Santiago repartíronse 10 achegas a 9 entidades por un importe de preto de 93.000 euros.

A representante do executivo autonómico destacou que, con estas achegas, a Xunta cumpre o seu propósito de dar resposta á elevada demanda desta liña de subvencións. Para iso, incrementouse a asignación orzamentaria ata os catro millóns de euros, o que supón un aumento dun millón respecto do exercicio 2024 e no 2026 volverá a contar con outros 4 millóns de euros.

Belén do Campo subliñou que o obxectivo destas axudas é respaldar ás entidades que desenvolven iniciativas orientadas a promover a participación cidadá, reforzar a cohesión comunitaria e preservar a identidade cultural das vilas e cidades. “En esencia, trátase de apoiar ás organizacións máis próximas á cidadanía, aquelas que coñecen en profundidade as súas necesidades e que exercen un papel clave como ponte entre a Administración e a poboación”, incidiu a delegada.

A través desta orde, o Goberno galego impulsa a mellora da calidade de vida no ámbito local e a dinamización do tecido asociativo. As subvencións permiten cubrir gastos asociados aos investimentos en inmobles da titularidade das entidades solicitantes —ou sobre os que dispoñan de dereito de uso— no caso das asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a adquisición de equipamentos necesarios para o seu funcionamento ordinario, ou a execución de obras nas traídas de auga comunitarias.

Dúas liñas de apoio: obras e equipamento

O programa estrutúrase en dúas liñas de financiamento. A primeira delas para obras, cunha dotación de 3,4 millóns de euros, abrangue actuacións de acondicionamento, reforma ou ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade, así como obras de mellora, reparación ou renovación das traídas de auga comunitarias promovidas polas comunidades de usuarios.

A segunda liña para equipamentos, dotada con 600.000 euros, está destinada á adquisición de equipamento esencial para o funcionamento das entidades beneficiarias. Inclúe mobiliario, material de oficina, equipamento informático, acústico ou audiovisual, ademais doutro material básico vinculado ás actividades que desenvolven.

As contías poden cubrir ata o 100% do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso de obras e de 5.000 euros para equipamento. Así mesmo, prevese a posibilidade de conceder anticipos de ata o 100% do importe da subvención, que se farán efectivos tras a notificación da resolución, sempre por solicitude da entidade interesada.

Data de actualización: 12/11/2025