A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, asistiu hoxe á homenaxe ás vítimas de sinistros nas estradas
A Xunta inaugura unha escultura en homenaxe ás vítimas de accidentes de tráfico na nova senda da PO-308 en Poio
No acto, no que tamén participou a asociación Stop Accidentes, descubriuse unha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos, que busca transformar o Mirador da Pinela nun punto de referencia para honrar a todas vítimas
Allegue puxo como exemplo de mobilidade sostible as sendas como a da PO-308 entre Fontenla e Combarro
O Goberno galego segue a avanzar na Estratexia de Actuación en Tramos de Concentración de Accidentes e Treitos de alto Potencial de Mellora en vías autonómicas cun orzamento de 6M€ en 2026
A Xunta destinará no vindeiro ano 71,6M€ á conservación e mellora da rede autonómica e 7M€ á construción de máis sendas peonís e ciclistas en 18 comarcas
O Goberno galego promoverá 64 cursos para motoristas ata 2028, nos que poderán participar 1.280 persoas
Poio (Pontevedra), 14 de novembro de 2025 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, asistiu hoxe á homenaxe ás vítimas de accidentes de tráfico organizado pola asociación Stop Accidentes, que tivo lugar no itinerario peonil da PO-308, na localidade pontevedresa de Poio.
No acto descubriuse unha escultura, unha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos. A peza é a homenaxe do Goberno galego ás vítimas mortais de accidentes e ás súas familias, e por outra banda, é un elemento escultórico que busca transformar o Mirador da Pinela nun punto de referencia para honrar a todas as persoas falecidas nun accidente de tráfico.
Allegue destacou a importancia de garantir o mellor estado de estradas, sendas e beirarrúas para que os usuarios, peóns e tamén ciclistas circulen con seguridade. Puxo como exemplo a senda da PO-308, entre Fontenla e Combarro, cunha previsión de prolongación ata Covelo, que contribúe ao obxectivo de potenciar a mobilidade sostible.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que Galicia é referente nacional en materia de seguridade viaria, aínda que “a Xunta non deixará de traballar para acadar o obxectivo de cero vítimas de accidentes de tráfico”, subliñou.
O Goberno galego seguirá a avanzar na Estratexia de Actuación en Tramos de Concentración de Accidentes e Treitos de alto Potencial de Mellora en vías autonómicas ás que destinará case 6M€ en 2026. Por outra banda, o vindeiro ano a Xunta iniciará as obras en 21 treitos de concentración de accidentes que se estenden ao longo de 34 quilómetros de estradas e en 109 treitos de alto potencial de mellora que ao longo de 480 km de vías autonómicas.
O Goberno galego dedicará un investimento histórico de 71,6M€ á conservación e mellora da rede autonómica —3M€ máis que en 2025—, dos cales 27M€ irán a reforzos de firme e conservación extraordinaria.
A Xunta tamén investirá 7M€ na construción de máis sendas peonís e ciclistas en 18 comarcas, sumando 150 novos quilómetros aos máis de 300 xa executados ata o de agora, favorecendo a mobilidade sostible.
Allegue destacou as medidas centradas nos motoristas, un dos colectivos máis afectados polos accidentes. Así, o Goberno galego promoverá 64 cursos ata 2028, nos que poderán participar 1.280 persoas. “Xa os temos en marcha dende maio e están a ter unha gran acollida. Son cursos cunha parte teórica e outra práctica, centrados en amosar como reaccionar ante situacións adversas. Temos que darlles ferramentas aos motoristas. A prevención é fundamental”, subliñou.