O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, interveu no acto de inauguración das 11ª Xornadas monográficas de actuación en enfermidade inflamatoria intestinal (EIGA 2025)
Gómez Caamaño avanza a extensión a toda Galicia do proxecto piloto de seguimento domiciliario de pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal a través de TELEA
O conselleiro pon en valor o papel esencial que realiza a Asociación galega de Investigación en Enfermidade Inflamatoria Intestinal, consolidándose como un auténtico referente na investigación, formación e colaboración multidisciplinar
Subliña que catro unidades do Servizo Galego de Saúde contan coa máxima acreditación do Grupo Español de Traballo de Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa
Subliña a aposta pola coordinación e a continuidade asistencial a través de iniciativas como o Proceso Asistencial Integrado para a Enfermidade Inflamatoria Intestinal
Incide en que Sanidade seguirá a impulsar protocolos que reduzan os tempos de espera e favorezan o diagnóstico precoz desta patoloxía, ao tempo que reforzará o labor de sensibilización e visibilidade para reducir o seu estigma
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a extensión a toda Galicia, o vindeiro ano, do proxecto piloto de seguimento domiciliario de pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal, que se realiza na área sanitaria de Ferrol a través da plataforma electrónica TELEA.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu no acto de inauguración das 11ª Xornadas monográficas de actuación en enfermidade inflamatoria intestinal (EIGA 2025), que organiza o servizo de aparello dixestivo desta área.
Na súa intervención no acto, o conselleiro puxo en valor o papel esencial que realiza a Asociación galega de Investigación en enfermidade inflamatoria intestinal, consolidándose como un auténtico referente na investigación, formación e colaboración multidisciplinar.
Gómez Caamaño referiu que esta patoloxía, que é crónica e complexa, require dunha abordaxe integral e continuada que combine o rigor científico coa sensibilidade humana.
O conselleiro subliñou que o Servizo Galego de Saúde impulsa programas que fomenten a coordinación e continuidade asistencial e puxo como exemplo o Proceso Asistencial Integrado para a enfermidade inflamatoria intestinal, que permite seguir a cada paciente dun xeito moito máis personalizado e multidisciplinar.
Referencia nacional
Tamén destacou Gómez Caamaño que Galicia é referente no tratamento da enfermidade inflamatoria intestinal, cun total de catro unidades coa máxima acreditación do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohh e Colite Ulcerosa, sendo a primeira delas a de Ferrol, que obtivo este recoñecemento no 2018.
Nas súas verbas, o máximo responsable do Sergas puxo en valor o traballo realizado polo doutor Manuel Barreiro na unidade do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, levado a cabo en colaboración co CIMUS, e enfocado a analizar a resposta aos distintos fármacos que presenta cada persoa. Esta iniciativa atende máis de 3.500 pacientes ao ano.
O conselleiro remarcou, así mesmo, que o seu departamento seguirá a impulsar protocolos que reduzan os tempos de espera e favorezan o diagnóstico precoz, ao tempo que reforzará o labor de sensibilización e visibilidade da enfermidade para reducir o seu estigma.
Neste senso, incidiu que, nos últimos anos, se deron pasos importantes como probas menos invasivas, novos tratamentos e mellor coordinación asistencial.