A asociación de veciños ‘As Lamas de Gontá’, en Palas de Rei, mellorou o seu local social co apoio da Xunta
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego achegou financiamento para renovar as ventás e acondicionar a fachada
Palas de Rei (Lugo), 17 de novembro de 2025
A Xunta colaborou no acondicionamento do local social de Gontá, en Palas de Rei, a través da orde de axudas anual para apoiar a actividade das asociacións de veciños.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o inmoble para coñecer o resultado das obras, promovidas pola agrupación veciñal As Lamas de Gontá cunha achega autonómica de 12.000 euros.
A actuación centrouse na limpeza e pintado das fachadas, así como na substitución das carpinterías exteriores por unhas modernas de PVC que melloran a eficiencia enerxética e as condicións de illamento. Para iso, cambiáronse tanto as vellas estruturas das fiestras como a porta de acceso. En conxunto, acadouse unha mellora estética e funcional das instalacións.
Arias explicou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou este ano 653.200 euros a colaborar con 72 organizacións veciñais da provincia de Lugo a través deste programa. No municipio de Palas de Rei, tamén foi beneficiaria a agrupación de Santiago de Lestedo.
O obxectivo é financiar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación dos locais das asociacións; así como adquirir material necesario para desenvolver as súas actividades.