A Xunta adxudica por máis de 138.000 € o cambio das cubertas das unidades de rehabilitación do Hospital Psiquiátrico de Conxo

As obras para evitar filtracións de auga teñen unha duración prevista de 6 semanas

O Servizo Galego de Saúde xa finalizou en xuño a reparación da cuberta do edificio do mosteiro de Conxo

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

O Servizo Galego de Saúde adxudicou por 138.000,50 euros a obra de renovación de cubertas do Hospital Psiquiátrico de Conxo.

En concreto, actuarase na substitución das cubertas das áreas rehabilitación psiquiátrica. Trátase de tres cubertas de cerámica ou de tella curva sobre fibrocemento que serán substituídas por cerámica. A finalidade é garantir a impermeabilidade das estancias situadas nas últimas plantas do edificio principal do Hospital Psiquiátrico e solucionar problemas de filtracións.

A empresa Sergonsa Servicios, S.L. será a encargada dos traballos, que teñen un prazo previsto de 6 semanas. 

Mellora no mosteiro de Conxo

O Hospital Psiquiátrico de Conxo está conformado por diversos edificios. A Xunta xa rematou no mes de xuño as obras de reparación da cuberta do mosteiro de Conxo, que supuxeron un investimento autonómico de 712.550 euros.

Estas obras supoñen unha mellora enerxética importante, reducindo as perdas de calor no inverno e os aumentos de temperatura no verán, e permiten solucionar os problemas de filtracións de auga existentes ata o de agora.

Data de actualización: 18/11/2025