A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta desta obra

A Xunta licita por máis de 52 M€ a fase 2.1 do CHUAC que suporá a escavación dunha superficie equivalente a 7 estadios de Riazor e onde se construirán os novos edificios asistenciais

A presentación de ofertas estará aberta ata o vindeiro 21 de setembro e a previsión é adxudicar os traballos a finais deste ano e poder iniciar as obras

Allegue salienta que a ampliación do complexo hospitalario é a obra sanitaria máis complexa e de maior investimento da Xunta, con máis de 500 M€, para atender a máis de medio millón de usuarios de toda a área da Coruña

O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca tamén a renovación de infraestruturas hospitalarias con obras en marcha en Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Ourense

A Coruña, 11 de agosto de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto  coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, deu conta da licitación hoxe das actuacións correspondentes á fase 2.1 das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, (Novo Chuac).

Trátase, tal e como explicou M. Allegue, da licitación desta fase de demolición, “escavación e valorización de 800.000 m3 de materiais” para a implantación desta nova fase de Novo Chuac. Isto suporá a escavación dunha superficie equivalente a 7 estadios como o do campo de fútbol de Riazor, e onde se construirán os novos edificios asistenciais.

A actuación sae hoxe a licitación cun orzamento estimado de 52,1 M€, e permitirá avanzar nunha das fases fundamentais para o desenvolvemento do novo complexo hospitalario.

O prazo para a presentación de ofertas comezará hoxe, e rematará o vindeiro día 21 de setembro. A previsión da Xunta é proceder á adxudicación dos traballos a finais deste ano, co obxectivo de iniciar as obras canto antes.

Durante a visita, Allegue destacou que a ampliación do Chuac constitúe a obra máis complexa e de maior orzamento que está a executar actualmente a Xunta en materia sanitaria: máis de 500 M€ para un complexo hospitalario que atenderá a máis de medio millón de usuarios de toda a área da Coruña

Pola súa banda, o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, fixo mención ás achegas dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ao deseño do Novo Chuac, situando sempre no centro a atención aos pacientes.

O responsable do Sergas subliñou o investimento do Goberno galego na renovación de infraestruturas hospitalarias con obras en marcha tamén en Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Ourense. Ademais, Luis León lembrou a renovación tecnolóxica que promove a Xunta e que permitirá a próxima incorporación dunha cuarta resonancia magnética ao Chuac, “o cal permitirá garantir uns tempos de atención máis curtos aos doentes”.

Traballo continuo

A conselleira lembrou as actuacións xa executadas e os próximos fitos do Novo Chuac.

Fixo o repaso dos traballos acometidos no ámbito no que se atopaba o antigo Hotel de Pacientes, un edificio de dez plantas e máis de 7.000 m², cuxa demolición resultaba necesaria para avanzar na construción do novo anel perimetral do complexo. A demolición supuxo un investimento de 1,4 M€. Cos restos da estrutura e tabiquería montouse unha planta de machaqueo para poder reducir e reutilizar este material.

Allegue informou tamén do avance das obras dos novos accesos ao Chuac, actuación que conta cun investimento de máis de 24 M€. Neste momento, xa está executado o viario provisional que permite manter os accesos ao complexo hospitalario durante o desenvolvemento das obras. Así mesmo, xa se levou a cabo a demolición do antigo viaduto de acceso sobre a AC-12 e agora os traballos céntranse na construción do novo viaduto sobre AC-12. Paralelamente, están a completarse as escavacións dos encepados do viaduto e os muros de contención que rodearán o Chuac polo sur, que permitirán conectar os novos accesos coa rúa Curramontes.

No que respecta á Torre Polivalente, a conselleira explicou que xa finalizou a escavación ata os 20 metros de profundidade, actuación especialmente complexa pola presenza de material rochoso de elevada dureza, e existencia de auga que obrigou a realizar microvoaduras.

A previsión da Xunta é que os traballos de estrutura da Torre Polivalente poidan comezar polo mes de setembro. O edificio da Torre Polivalente contará con 16 plantas, catro delas por baixo da cota do terreo, e estará destinado a usos administrativos.

As obras da Torre Polivalente implican, ademais, a demolición de tres vivendas situadas en Curramontes, cuxos traballos previos comezaron onte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026