A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de presentación da Cátedra Institucional USC-Televés de Microelectrónica
Lorenzana anuncia que en 2026 a Xunta aprobará a Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia
Explica que se trata de impulsar a autonomía estratéxica da comunidade fomentando que se poida producir tecnoloxía galega e bens de equipo de fabricación propia
Esta cátedra ten como principal obxectivo fomentar a investigación en microchips e o deseño microeléctrónico para dar resposta á demanda de expertos europeos no deseño de circuítos integrados e dispositivos semicondutores
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que o vindeiro ano a Xunta porá en marcha unha Estratexia de Innovación Empresarial co reto de industrializar a innovación tecnolóxica que se fai en Galicia.
Lorenzana, participou hoxe no acto de presentación da Cátedra Institucional USC-Televés de Microelectrónica, onde explicou que se trata de impulsar a autonomía estratéxica da comunidade fomentando que se poida producir tecnoloxía galega e bens de equipo de fabricación propia. “É clave para que as empresas galegas poidan estar no mundo”, dixo.
Nese sentido, destacou que esta cátedra, cuxo principal obxectivo é fomentar a investigación en microchips e o deseño microeléctrónico para dar resposta á demanda de expertos europeos no deseño de circuítos integrados e dispositivos semicondutores, vai en consonancia coa estratexia económica da Xunta.
Segundo afirmou, está enfocada tanto aos sectores máis tradicionais, como pode ser o da automoción, como a outros estratéxicos neste momento, que son a seguridade e o aerospazo. Destacou, ademais, que, en liña coa política enerxética do Goberno galego, tamén ten moito que ver co valor que están adquirindo sectores como a minería e as materias primas críticas.
A conselleira tamén puxo de relevo o feito de que a cátedra vaia dirixida tanto a estudantes universitarios como a profesionais en activo, nun momento en que as empresas demandan talento transversal. Ao respecto concluíu sinalando que todo o que supoña especializar profesionais na microelectrónica pode ser un bo camiño para fortalecer as capacidades de Galicia en sectores nos que a Xunta está facendo unha firme aposta como o da seguridade e o aerospazo.