A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático clausurou o evento ‘EMAS: 30 anos de compromiso empresarial en Galicia’

A Xunta lanzará en 2026 uns premios de sostibilidade ambiental para recoñecer o labor das entidades e empresas galegas referentes neste eido

Ángeles Vázquez salienta que os galardóns están dirixidos ás compañías e organizacións que contan coa certificación do Sistema de Xestión e Auditoría Ambientais, de carácter voluntario e que mide a súa pegada ambiental

A conselleira enxalzou o compromiso e xenerosidade das máis dun cento de firmas da comunidade que contan con este selo pois contribúen a unha Galicia máis sostible, máis responsable e máis informada

O Executivo galego anima ás empresas a sumarse a este sistema e defende que o respecto ao medio ambiente e a rendibilidade son compatibles para avanzar na responsabilidade ambiental

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta lanzará o próximo ano uns premios de sostibilidade ambiental co obxectivo de recoñecer o labor das entidades e empresas galegas referentes na protección do medio ambiente.

A responsable autonómica explicou durante a clausura do evento EMAS: 30 anos de compromiso empresarial en Galicia que os galardóns estarán dirixidos precisamente a aquelas compañías e organizacións que contan coa certificación do Sistema de Xestión e Auditoría Ambientais (EMAS). Ademais, trátase dunha acreditación á que acceden tras presentarse de xeito voluntario ao escrutinio dunha entidade independente que mide e fai pública a pegada ambiental da súa actividade.

Ángeles Vázquez salientou que en Galicia hai máis dun cento de empresas ou organismos que contan con este selo e que, con ese acto de xenerosidade, contribúen a unha comunidade máis sostible, máis responsable e máis informada. Por iso, animou a todo tipo de organizacións (públicas e privadas) a adherirse a este sistema co fin de xestionar, medir e mellorar o seu impacto ambiental de forma seria e transparente.

Nesta liña, a representante do Executivo galego puxo en valor o esforzo das entidades que apostan pola sostibilidade e por mellorar ano tras ano os estándares de calidade da súa actividade pois contribúen a avanzar na innovación, na eficiencia enerxética, na redución dos residuos e na mellora constante dos seus procesos.

A conselleira incidiu en que os premios da Xunta permitirán incrementar a visibilidade do compromiso das empresas e das entidades co medio ambiente, reforzando aínda máis o obxectivo do sistema EMAS. De feito, engadiu, todos os acreditados convértense en embaixadores da sostibilidade e do bo facer ambiental, voces autorizadas para axudar a outros a dar o paso para incorporarse ao sistema EMAS.

O Executivo galego defende que o respecto ao medio ambiente e a rendibilidade son conceptos que poden ir da man, algo que demostran as entidades certificadas a través do EMAS, que se converten en referentes e protagonistas na definición da historia de responsabilidade ambiental compartida de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2025