A Xunta lanza a XIV edición do programa de educación ambiental ´O Parque Nacional coa Escola´

O alumnado e profesorado que participa nesta acción pertence a 45 centros da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

As actividades propostas para achegar aos participantes á riqueza ambiental dos catro arquipélagos estarán adaptadas aos distintos niveis educativos, desde Infantil ata Bacharelato, e desenvolveranse ata finais do vindeiro mes de marzo

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2025

A Xunta acaba de poñer en marcha a XIV edición do programa de educación ambiental O Parque Nacional coa Escola, unha iniciativa para achegar á comunidade escolar os valores e a riqueza dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— e que durante o durante o curso 2025-2026 contará coa participación de 45 colexios localizados nos concellos da súa área de influencia: Bueu, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Vigo.

O programa inclúe diferentes actividades didácticas e charlas (xogos, conta contos, presentacións audiovisuais...) adaptadas aos distintos niveis educativos e idades xa que cómpre lembrar que está aberto á participación de colexios de Educación Infantil, Primaria, ESO, FP e Bacharelato.

As actividades programadas —que se estenderán nos centros inscritos ata o próximo 24 de marzo de 2026— desenvolveranse tanto no Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo como nos propios colexios, en caso de que así o soliciten desde os propios centros participantes.

Así mesmo, as aulas poden optar tamén a participar no concurso O Parque Nacional coa Escola para o cal deberán presentar diferentes traballos relacionados cos valores naturais e culturais dos catro arquipélagos. Os colexios gañadores visitarán as illas na primavera e realizarán unha ruta interpretativa da man dos guías do Parque Nacional.

Desde a posta en marcha da iniciativa no ano 2012, cómpre lembrar que veñen participando na mesma unha media de 45 centros e uns 2.000 alumnos por curso, de xeito que xa son máis de 24.000 os escolares participantes ata o de agora.

En todo caso, a dirección do Parque Nacional xa vén traballando directamente cos centros educativos da contorna mediante outras fórmulas didácticas, polo que se estima que desde o inicio deste tipo de actividades o número de participantes total ronda os 40.000 nenos e nenas.

A valoración do programa por parte dos docentes foi sempre moi positiva, destacando o acerto na adaptación para cada nivel tanto das metodoloxías aplicadas como das dinámicas realizadas co alumnado.

Así mesmo e á marxe do programa, tamén se convida a todos os centros da contorna que realicen proxectos educativos relacionados coas Illas Atlánticas, os espazos protexidos ou o mar a poñerse en contacto co equipo de guías do Parque Nacional para estudar posibles formas de colaboración, ben sexa a través de charlas, rutas ou actividades no propio colexio, no Centro de Visitantes ou nas illas. O formulario para solicitar este tipo de colaboración pódese descargar da páxina web das Illas Atlánticas.

Data de actualización: 23/11/2025