O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración asistiu á demostración culinaria realizada polo chef Miguel González con produtos de proximidade no salón Xantar

A Xunta destaca o papel das prazas de abastos e da gastronomía no pulo ao consumo de produtos alimentarios de proximidade

José González explicou que esta demostración culinaria se enmarca na aposta autonómica para impulsar os mercados de abastos, recollida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Esta folla de ruta tamén inclúe axudas a prol da certificación destes espazos como Mercados Excelentes e accións novidosas como Prato de Mercado, do que é antesala esta acción en Xantar e que o Goberno impulsará proximamente

Ademais, o Goberno galego conta con diferentes postos nesta feira, entre eles un específico de economía social no que se dan a coñecer diferentes proxectos

Ourense, 21 de novembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu esta tarde á demostración culinaria realizada polo chef Miguel González con produtos de proximidade da Praza de Abastos de Ourense no marco da 26ª edición Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2025. Alí tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o conselleiro destacou que o obxectivo de accións coma esta é visibilizar o papel que teñen os mercados de abastos como grandes escaparates de produto fresco, de calidade e proximidade.

Neste cometido, subliñou, teñen un gran papel os chefs como Miguel González, pois son embaixadores da gastronomía local ao tempo que axudan a concienciar sobre o consumo de produtos de proximidade que se comercializan nas prazas de abastos. Ademais, explicou que esta acción se enmarca na aposta global do Goberno galego a prol do pulo aos mercados e prazas de abastos, nos que entre a súa clientela destaca a hostalaría local e que está recollida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Esta folla de ruta inclúe accións novidosas como Prato de Mercado, do que é antesala esta demostración culinaria, e que se impulsará proximamente. Con ela a Xunta busca promover sinerxías entre as prazos de abastos galegas e os restaurantes da súa contorna para enxalzar o produto fresco de proximidade. O plan tamén abarca apoios como os destinados á certificación das prazas de abastos como Mercados Excelentes cos que se promoven a rehabilitación dos edificios ou instalacións e a súa dinamización. A eles a Administración autonómica destinará no 2026 un orzamento de preto de 4,5 M€.

Outras accións

Outra iniciativa relacionada coa gastronomía á que se referiu José González é Artesanía no Prato, que promove as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía. Ao abeiro dela, máis de 50 obradoiros artesanais galegos están traballando xa con restaurantes da comunidade, nacionais e internacionais e con grandes empresas de distribución de enxoval para hostalería. Ao mesmo tempo, con esta acción a Xunta aposta polo mantemento e futuro dos oficios tradicionais. Por outra banda,  mencionou o proxecto de recuperación de contornas comerciais urbanas senlleiras Vilas Vivas, que arrincará na ponte de decembro en Ribadavia, co obxectivo de estendelo máis tarde a outras vilas. Ademais, explicou que se seguirá dando pulo ao proxecto Localízate, destinado a atraer a mocidade ao comercio local. Todo isto, subliñou José González, unificado na imaxe do Comercio Galego, selo presentado recentemente e co que a Xunta busca poñer no foco na excelencia e calidade dos comercios galegos, especialmente nas vilas pero tamén nas cidades.

Presenza da economía social

Ademais, o Goberno galego conta con diferentes postos nesta feira, entre eles, un específico sobre economía social no que os visitantes poden coñecer proxectos deste eido relacionados coa industria alimentaria. En concreto, expoñen os seus produtos neste posto: Distribuciones A Moenda, Bodegas Jesús Nazareno, Barbudos, Tres Fuciños, Productores del Campo de Capela e Condado Paradanta.

Tamén contan con presenza a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, cun espazo con aula de catas e degustacións e un túnel de viños, licores e augardentes tradicionais de Galicia. Ademais, o peixe e marisco galegos están moi presentes neste evento da man da Consellería do Mar, un amplo programa de actividades con catas de produtos pesqueiros galegos da man de prestixiosos profesionais da cociña no marco da campaña GALICIA SABE AMAR. Pola súa parte, Turismo de Galicia ocupa un lugar destacado nesta cita onde promociona os recursos turísticos relacionados coa proposta enogastronómica da comunidade. En concreto está presente cun stand de deseño nesta feira á que asisten os destinos más próximos, pero tamén de España, Portugal e América Latina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025