A Xunta convoca a I Liga escolar de debate para mellorar a oratoria e as competencias lingüísticas do alumnado
Esta nova acción, concibida como un foro de discusión e diálogo, enmárcase dentro do abano de iniciativas impulsadas polo Goberno galego para o reforzo da lectura
A actividade, que ten un carácter formativo non competitivo, está dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO de centros públicos e fomenta o pensamento crítico
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia vén de lanzar a I Liga escolar de debate nos centros públicos galegos, unha nova acción da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que forma parte do paquete de iniciativas para reforzar as competencias lectoras dos estudantes.
Esta liga está concibida como un foro de discusión e diálogo a través do cal os alumnos poden mellorar a súa oratoria, a exposición de argumentos e a resolución de conflitos mediante o diálogo, así como a cooperación, o respecto e o traballo en equipo.
A iniciativa ten un carácter fundamentalmente formativo e non competitivo, xa que a preparación do debate fai necesario o exercicio activo da expresión e a comprensión, tanto oral como escrita, á vez que desenvolve o pensamento crítico, ofrecendo ao equipo docente unha ferramenta de gran utilidade para a formación integral do alumnado e para o desenvolvemento dos contidos de cada materia.
Inscricións ata o 15 de decembro
Os centros interesados en participar na Liga dispoñen de prazo ata o día 15 de decembro para tramitar a solicitude a través da ligazón ProgramasEducativos. Cada centro poderá participar cunha única candidatura dun equipo de debate integrado por catro alumnos de 3º ou 4º de ESO ou con alumnado combinado de ambos niveis, garantindo sempre a diversidade de xénero na súa composición. Está coordinado por un docente que pertenza preferentemente a algún dos departamentos dos que dependan as materias relacionadas co desenvolvemento das competencias lingüísticas, así como con docentes de apoio.
A Consellería de Educación admitirá ata un máximo de 16 centros, por rigoroso orde de inscrición. Posteriormente, establecerá as datas, horarios e lugares de celebración dos debates, que se desenvolverán en lingua galega e, preferiblemente, en horario lectivo.
Os centros educativos participantes na Liga asumen o compromiso do claustro para o desenvolvemento da mesma, que se recollerá na súa programación anual de actividades. Ademais, o profesorado implicado deberá participar nas sesións formativas planificadas pola Consellería. Ademais da pertinente formación, o departamento de Educación prestará asesoramento aos centros a través dunha mentoría específica.
Recoñecemento a alumnos e docentes
O centro gañador da fase final da I Liga escolar de debate recibirá un recoñecemento especial e un distintivo para remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polo alumnado. O recoñecemento tamén se fará extensivo aos docentes e alumnos participantes, que recibirán unha mención específica.
Pola súa banda, os coordinadores da actividade e os docentes de apoio obterán un certificado de innovación educativa cunha equivalencia de 30 e 20 horas, respectivamente, de formación permanente do profesorado.
Plan de lectura, escritura e acceso á información
Esta acción enmárcase dentro das accións da Consellería para o reforzo da competencia lectora, para o cal este curso se puxo en marcha o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Isto inclúe a implantación dun tempo de lectura diario na aula dentro da xornada lectiva dedicado a este hábito para estimular a comprensión e fomentar o pensamento crítico.
Outra das novidades é a incorporación, tamén este curso, do modelo Global Classrooms, un debate escolar en inglés impulsado por Nacións Unidas e dirixido ao alumnado de 3º de ESO, que fomenta a participación de centros a nivel nacional e internacional. Esta primeira edición ten un carácter experimental e foron escollidos oito centros.