A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, avanzou hoxe no concello coruñés a actuación

A Xunta habilitará dúas novas sendas peonís no Concello de Abegondo, cun investimento de preto de 550.000 €

Allegue destaca que a actuación, que se licitará o vindeiro luns, sumará case un quilómetro de itinerario peonil e enmárcase no Plan de Sendas da Xunta e o compromiso da Administración autonómica coa mobilidade segura e sostible

Executarase un treito de 430 metros en Mabegondo e outro de 480 metros en Montouto para facilitar os desprazamentos a pé da veciñanza

As empresas terán de prazo ata o 22 de decembro para presentar as súas ofertas e a previsión da Xunta é iniciar os traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses, na primavera do 2026

Abegondo (A Coruña), 22 de novembro 2025

A Xunta habilitará dúas novas sendas peonís no Concello de Abegondo, que sumarán un investimento total de preto de 550.000 €. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, avanzou hoxe esta actuación, que se licitará o vindeiro luns 24, na visita ao concello coruñés.

En concreto, os itinerarios peonís habilitaranse nas marxes dereitas da estrada autonómica AC-542 ao seu paso polas parroquias de Mabegondo e Montouto e sumarán case un quilómetro. No caso da senda de Mabegondo, abordarase entre a intersección coa estrada AC-221 e a glorieta situada na intersección coa estrada provincia CP-0106, e terá 430 metros de lonxitude. E, en Montouto, a Xunta executará un itinerario de 480 metros que finalizará no cruce coa estrada provincial CP-0103, nun treito que na actualidade carece de beirarrúas.

Os traballos, que terán un prazo de execución de seis meses, completaranse con outras melloras como nova sinalización, ordenación de accesos ou conexións con beirarrúas

A conselleira destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.

Neste senso, Allegue destacou que coas novas sendas, tamén se dá continuidade a outros tramos xa executados con anterioridade na mesma estrada, en colaboración co Concello. E subliñou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística.

A partir do vindeiro luns, as empresas terán de prazo ata o 22 de decembro para presentar as súas ofertas. A previsión da Xunta é iniciar os traballos na primavera do 2026.

A conselleira puxo estes itinerarios peonís como exemplo do selo Galicia Calidade e remarcou que con eles recupéranse espazos para as persoas e se sigue a conectar o territorio con orde e respecto ao medio ambiente coa que traballa a Xunta.

Lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2025