O presidente do Executivo autonómico recibiu a distinción “Anduriña de Ouro” que outorga o Lar Gallego de Sevilla
Rueda reivindica o papel dos centros galegos na proxección da imaxe de Galicia e na conservación das tradicións
Salientou que os centros galegos representan unha galeguidade aberta e integradora
Os orzamentos de 2026 recollen o compromiso da Xunta cos galegos do exterior, con partidas de apoio ás entidades e co impulso ás políticas de retorno
Subliñou que "parte desa Galicia Calidade constrúese coa Galicia Calidade que está espallada por todo o mundo, e tamén aquí, en Andalucía”
Sevilla, 22 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel que exercen os centros galegos á hora de proxectar a imaxe de Galicia no exterior e de manter vivas a cultura e tradicións da nosa comunidade, tanto no resto de España como no estranxeiro. “O que facedes aquí no Lar Gallego de Sevilla é un exemplo do que se fai en tantos lugares de España, de Europa e de América”, destacou.
Así o sinalou hoxe tras recibir a Anduriña de Ouro do Lar Gallego de Sevilla, a máxima distinción que outorga esta entidade. Durante o acto, o centro -que este ano celebra o seu 69 aniversario- tamén homenaxeou aos socios máis veteranos e fixo entrega do premio do seu certame de relatos curtos. “Agradezo a todos os que un día viñeron a Andalucía, fundaron este Lar e que pensaron que Galicia era un bo motivo de unidade e sentimento”, afirmou.
O titular do Executivo autonómico salientou que os centros galegos representan unha galeguidade aberta e integradora, na que teñen cabida todos aqueles que aprecian á nosa comunidade, con independencia do seu lugar de nacemento. Puxo como exemplo este centro sevillano, no que unha boa parte dos socios non son galegos de orixe. “Grazas por vivir estes 69 anos a galeguidade en Andalucía e por facernos ver un anaco de Andalucía tamén en Galicia”, subliñou.
Na súa intervención, tamén reafirmou o compromiso da Xunta con seguir apoiando o labor destas entidades, unha aposta que se reflicte nos orzamentos do próximo ano, con partidas destinadas á súa modernización ou para facilitar a remuda xeracional.
Estratexia Retorna
O Goberno galego está dando un importante pulo ás políticas de retorno, que resultaron no regreso duns 28.000 galegos do exterior entre 2018 e 2022. Agora, a nova Estratexia Retorna ten fixado o obxectivo de conseguir a volta de 30.000 galegos ata 2026. “Somos o que somos grazas ao esforzo dos que tiveron que marchar e que nunca esqueceron o lugar de onde partiron”, destacou.
Galicia Calidade
Tamén fixo referencia á marca Galicia Calidade, un dos principais sinais de identidade da comunidade, ao representar non só a excelencia dos seus produtos e servizos, senón tamén o prestixio, o rigor e o bo facer que caracteriza a Galicia dentro e fóra das súas fronteiras. “Parte desa Galicia Calidade constrúese coa Galicia Calidade que está espallada por todo o mundo, e tamén aquí, en Andalucía”, finalizou.