A Xunta avanza na construción do novo parque canino de Catabois cun investimento de 70.000 euros
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á parcela para supervisar as obras que está a acometer a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Os traballos inclúen a instalación de áreas de xogo, fontes de auga, obstáculos e ramplas para o exercicio dos animais, así como bancos para as persoas propietarias, o plantado de especies arbóreas e a instalación de iluminación led
A previsión é que as actuacións estean concluídas antes de finais de ano ofrecendo un novo espazo para os animais de compañía da zona
Ferrol, 21 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á parcela do antigo campo de tiro de Catabois para supervisar os traballos de construción do parque canino promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cun investimento de 70.000 euros.
Os traballos contratados a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comezaron co movemento de terras e afrontan estes días a instalación do peche perimetral desta infraestrutura que ocupará unha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados.
Tal e como sinalou a delegada territorial, o parque canino de Ferrol contará con áreas de lecer nas que os cans poderán correr, xogar e socializar sen necesidade de levar correas ou bozos. Así, a obra inclúe a instalación de áreas de xogo, fontes de auga, obstáculos e ramplas para que os animais poidan exercitar as súas habilidades físicas, así como bancos para as persoas propietarias. Trátase de elementos fundamentais para mellorar o benestar dos animais e que os donos poidan cumprir máis facilmente coa obriga legal de proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso de acordo coas súas necesidades, así como unha contorna libre de estrés.
A actuación, que se prevé que estea concluída antes de finais de ano, completarase co plantado de exemplares arbóreos como freixos, cereixos, nogueiras e salgueiros, ademais da colocación de luminarias tipo led.
Martina Aneiros lembrou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático proxecta estas novas instalacións -a idea é crear este tipo de infraestruturas nas sete cidades galegas- coa finalidade de mellorar o benestar dos animais de compañía da comunidade poñendo á súa disposición espazos especialmente deseñados para eles.
A estas accións engádense outras como a previsión de construír un centro de acollida de animais abandonados de Galicia que dará servizo a concellos de menos de 5.000 habitantes ou o apoio constante aos centros de recollida dependentes das entidades locais ou de organizacións sen ánimo de lucro.