A Xunta chama a investir en seguridade industrial para reforzar a competitividade do sector en Galicia

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, inaugurou esta mañá o Congreso Anual de Seguridade Industrial que se celebra estes días en Ferrol

Ferrol, 26 de novembro de 2025

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, asegurou esta mañá que “calquera entidade, pública ou privada, ten que ser consciente de que garantir a seguridade industrial é asegurar o seu futuro, e investir neste ámbito supón unha ferramenta máis para avanzar na solvencia, atracción e competitividade de Galicia a través da súa industria”. Vázquez realizaba estas declaracións no transcurso da inauguración do Congreso Anual de Seguridade Industrial que se celebra estes días en Ferrol e no que se darán cita numerosos expertos na materia tanto do eido público como privado.

O secretario xeral de Industria insistiu na necesidade de continuar facendo esforzos para “fomentar a cultura do cumprimento das normas en materia de seguridade industrial como un piar fundamental de todas as entidades, imprescindible para protexer ao persoal traballador, os bens e o medio ambiente”. E para iso avogou pola formación dos profesionais e por ofrecer a máxima información aos titulares de instalacións.

Neste contexto, Nicolás Vázquez puxo en valor a colaboración que a Administración galega está a manter co Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia neste eido, e que está a permitir que se desenvolvan  actuacións dirixidas a fortalecer o asesoramento técnico, mellorar a formación especializada e reforzar a cultura da prevención nos sectores industriais.

O secretario xeral de Industria rematou a súa intervención agradecendo aos profesionais, empresas e administracións que toman parte estes días nos diferentes eventos organizados no marco deste Congreso o seu compromiso coa seguridade industrial e aproveitou para animalos a propoñer aquelas temáticas nas que os profesionais do sector detecten que é necesario un maior esforzo por parte de todos os axentes que interveñen neste ámbito da eeguridade industrial.

Data de actualización: 26/11/2025