A delegada da Xunta en Ferrol comparte cos escolares de 12 centros educativos de Ferrolterra unha nova edición do 'Festival do Camiño Inglés'

Ferrol, 27 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na sexta edición do Festival Escolar do Camiño Inglés que, dende onte reúne na capela do centro cultural Torrente Ballester a escolares de 12 centros educativos de Ferrolterra co obxecto de fomentar o seu coñecemento sobre esta ruta xacobea e os recursos turísticos de cada localidade pola que transcorre.

O evento, organizado pola Federación de Anpas de Ferrol e Comarca coa colaboración do Goberno galego a través de Turismo de Galicia, supón unha boa oportunidade para achegarse desde unha perspectiva lúdica aos Camiños de Santiago e fomentar o coñecemento da cultura e do patrimonio que rodea estes itinerarios, segundo sinalou a delegada territorial.

Nesta edición dedicada ao municipio de Neda, os participantes -nenos e nenas de entre 6 e 12 anos- tiveron a ocasión de descubrir a riqueza, patrimonio, costumes, festas e gastronomía desta localidade, cunha especial atención ao pan de Neda e as súas panaderías, a San Nicolás ou o río Belelle, entre outros aspectos.

Aneiros aproveitou para destacar o crecemento que segue a experimentar o Camiño Inglés ano tras ano en canto a afluencia de peregrinos se refire. “Ata o momento levamos rexistrados máis de 29.900 peregrinos o que supón un incremento do 8% con respecto ao ano anterior”, informou, “unha tendencia alcista que estamos convencidos non vai acompañar de cara ao Ano Xacobeo 2027”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025