A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nun encontro organizado por Women in a Legal World (WLW)

Lorenzana advirte que a seguridade xurídica, política e social son claves para que os proxectos industriais poidan saír adiante

Asegura que “estamos nun momento en que está en risco a separación de poderes consagrada na Constitución”

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe a importancia de trasladar á economía seguridade xurídica e advertiu sobre o risco que supón instrumentalizar o dereito para bloquear proxectos industriais.

“Estamos nun momento en que está en risco a separación de poderes consagrada na Constitución”, dixo, nun encontro organizado por Women in a Legal World (WLW), onde sinalou que “as políticas públicas teñen que nacer da seguridade xurídica, dunha boa planificación, da transparencia e dun profundo respecto pola legalidade e polos dereitos das persoas”.

Lorenzana subliñou que a seguridade xurídica, política, e tamén social, son factores clave para que un proxecto industrial saia adiante, cando en Galicia, proseguiu, “estamos percibindo como moitos son boicoteados”. 

Segundo dixo, a política industrial e económica da comunidade autónoma “sería absolutamente imposible de levar a cabo sen un exercicio moi avanzado do dereito administrativo”, dixo. Iso é o que está permitindo acelerar os proxectos industriais, transformar o solo empresarial público na comunidade e traballar en figuras como a repotenciación de parques eólicos.

Finalmente, no ámbito da enerxía, avogou de novo por que o Goberno central modifique a Lei do sector eléctrico para acompasala á demanda industrial. “Estamos perdendo proxectos todas as comunidades autónomas por culpa de que a rede de transporte eléctrica non está adecuadamente dimensionada para ao desenvolvemento industrial que ten agora España”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025