A Xunta pon en valor a importancia de proxectos pioneiros como ‘Mulleres en Rede’, que dan voz ás mulleres maiores que viven no rural
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na posta en común de experiencias das mulleres Illa de Arousa e de Vilaño (A Laracha) que forman parte desta iniciativa que conta coa colaboración da Xunta
É unha continuación do proxecto Mulleres de Castelo impulsado polo festival Castelo conta, o Colectivo Grigri e a Fundadión Paideia, e liderado pola cineasta e comunicadora Hadriana Casla, e o actor e humorista Xosé A. Touriñán
Illa de Arousa (Pontevedra), 27 de novembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou esta tarde o apoio do Goberno galego a proxectos de vangarda que buscan dar voz ás mulleres que viven no rural galego. Así o asegurou na presentación do proxecto Mulleres en Rede, unha iniciativa da Asociación Cultural Castelo Conta e o Colectivo Grigri en colaboración coa Xunta de Galicia.
No acto celebrado no Museo Centro de Interpretación da Conserva, María Quintiana destacou, ademais, o papel imprescindible que xogan as mulleres no rural, e a importancia de iniciativas que buscan promover espazos de reflexión, de apoio e de conexión entre elas. Neste sentido, a directora xeral recoñeceu que accións como estas son fundamentais para seguir impulsando a igualdade nas aldeas galegas.
Mulleres en rede é un proxecto de creación audiovisual comunitaria que ten como obxectivo recoller as voces, as experiencias e memoria das mulleres maiores de distintos lugares de Galicia, neste caso, da Illa de Arousa e de Vilaño (A Laracha). Neste sentido, a través da construción en conxunto dun arquivo audiovisual e dun relato compartido, esta iniciativa busca visibilizar o valor dos coidados para pensar a súa distribución e camiñar cara fogares e comunidades corresponsables.
Trátase dunha continuación do proxecto Mulleres de Castelo nado en 2023 impulsado polo festival Castelo conta, o Colectivo Grigri e a Fundadión Paideia, no que as protagonistas foron as veciñas da aldea de Castelo, en Culleredo. A cineasta e comunicadora, Hadriana Casla, foi a encargada de reunilas en diferentes sesións e volver conectalas grazas tamén á participación dun veciño da mesma aldea, o actor e humorista Xosé A. Touriñán. Un ano despois estreábase o documental Mulleres de Castelo, un proxecto que reconectou ás veciñas a través da posta en común de experiencias e medos similares, impulsando os seus vínculos e establecendo unha rede de amizada que agora as sostén con máis forza.