A Xunta financia este curso un máster universitario a 86 desempregados para mellorar a súa formación

A Consellería de Educación vén de resolver a convocatoria destas bolsas, que cobren o importe da matrícula, con importes entre os 600 e os 800 euros

Por universidades, 33 dos beneficiarios cursan un máster na Universidade de Vigo, 32 na da Coruña e 21 na de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2025

Un total de 86 persoas en situación de desemprego están a completar este curso a súa formación cun máster universitario co apoio da Xunta de Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de resolver a convocatoria destas bolsas, que cobren o importe das materias matriculadas por primeira vez. En función do máster, a persoa beneficiaria recibe unha axuda mínima de 591€ que pode chegar a un máximo de 835,8€.

Este ano resultan adxudicatarios destas bolsas 53 mulleres e 33 homes. Por universidades, 33 dos beneficiarios cursan un máster na Universidade de Vigo, 32 na da Coruña e 21 na de Santiago de Compostela. Por ramas de coñecemento, lidera a de Ciencias Sociais e xurídicas (59 bolseiros), seguida das de Enxeñaría e Arquitectura (9), Artes e Humanidades (8), Ciencias (7) e Ciencias da Saúde (3).

Un ano máis, a titulación máis cursada entre os beneficiarios é o mestrado de Profesorado, con 33 axudas concedidas, seguido polo de Avogacía e Procura (3 alumnos). En total concedéronse bolsas para cursar 39 titulacións diferentes.

A finalidade desta liña de axudas é facilitar o acceso das persoas en situación de desemprego a uns estudos que lles permitan mellorar a súa empregabilidade, a través dunha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional que mellora o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Para acceder a estas bolsas, as persoas debían estar desempregadas na data de presentación da solicitude e matriculadas no presente curso académico 2025/2026 nun máster universitario oficial das universidades públicas galegas, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados. Así mesmo, deberon ter rematados os estudos de grao antes do 30 de setembro de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2025