Belén do Campo salienta o papel esencial dos axentes comerciais no dinamismo económico de Galicia no acto do Día do Axente Comercial

A representante do Goberno autonómico destacou o labor do Colexio Oficial de Axentes Comerciais da Coruña, ao que cualificou como referente en organización, formación e apoio ao colectivo, grazas á súa capacidade para acompañar aos profesionais, anticipar necesidades e impulsar novas iniciativas que fortalecen o sector

A Coruña, 28 de novembro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  participou hoxe no acto conmemorativo do Día do Axente Comercial, organizado polo Colexio Oficial de Axentes Comerciais da Coruña, onde se rendeu homenaxe aos profesionais de 25 anos de traxectoria que recibiron distinción, pola súa entrega e compromiso co sector coa entrega da insignia de prata.

Durante a súa intervención, Belén do Campo expresou o orgullo do Goberno galego por recoñecer a labor dun colectivo fundamental no desenvolvemento empresarial e económico da comunidade, e subliñou que os axentes comerciais “representan o mellor do sector” grazas á súa procura constante de novas oportunidades, á súa capacidade para abrir camiño en tempos de incerteza e ao talento para conectar empresas, produtos e clientes nun mercado cada vez máis competitivo.

A delegada da Xunta destacou que os axentes comerciais son un piar estrutural do tecido empresarial, xa que “sen esa ponte que constrúen cada día, o éxito de moitas iniciativas empresariais non sería posible”. Neste sentido, explicou que a súa actividade é determinante para que as pemes galegas cheguen a novos mercados, expandan o seu ámbito de actuación e poidan consolidar un crecemento sólido e sostible.

En relación coas persoas distinguidas no acto, Belén do Campo subliñou que “representan décadas de traballo discreto pero imprescindible, así como un exemplo de constancia, aprendizaxe permanente e compromiso”. Por iso, trasladou “a súa máis sincera noraboa”, sinalando que este recoñecemento honra non só a súa traxectoria individual, senón tamén o prestixio do Colexio profesional e a importancia da unión profesional.

Nesta liña, quixo tamén destacar o labor do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de A Coruña, constituído en 1926, que cumpre os 100 anos e que conta con 420 profesionais, ao que cualificou como referente en organización, formación e apoio ao colectivo, grazas á súa capacidade para “acompañar aos profesionais, anticipar necesidades e impulsar novas iniciativas que fortalecen o sector”

Finalmente, a delegada concluíu reafirmando o compromiso do Goberno autonómico co sector dos axentes comerciais, principalmente autónomo, asegurando que a Xunta seguirá traballando para fortalecer o tecido económico galego, no que os axentes comerciais teñen un papel fundamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025