O presidente galego participa na gala de Nadal da entidade

Rueda felicita á Fundación Andrea por case dúas décadas transformando a vida de nenos e nenas con enfermidades graves

Agradeceu o labor de entidades sociais como esta Fundación, que chegan ata onde ás veces as administracións non poden, e reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con seguir mellorando o sistema sanitario e de atención social 

Pon en valor o novo Centro de Protonterapia de Galicia que se está a construír e que atenderá especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil  

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou hoxe á Fundación Andrea polo seu traballo ao longo de case dúas décadas a favor dos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como das súas familias.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na tradicional gala solidaria de Nadal que organiza esta entidade co obxectivo de recadar fondos cos que seguir axudando. Dende que comezaron a súa actividade, xa apoiaron a máis de 5.000 familias a través de iniciativas como as súas afamadas casiñas –aloxamentos temporais para aqueles pais e nais que teñen que desprazarse polo ingreso do menor–, as súas bolsas e servizos terapéuticos ou a creación de espazos amables en hospitais e tamén en xulgados.

O titular do Executivo galego agradeceu o labor de entidades sociais como esta Fundación, que chegan ata onde ás veces as administracións non poden, e reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con seguir mellorando o sistema sanitario e de atención social, facéndoo máis humanizado e próximo.

Así mesmo, tamén puxo en valor o novo Centro de Protonterapia de Galicia que se está a construír e que converterá á comunidade en pioneira á hora de ofrecer na sanidade pública un tratamento máis preciso contra o cancro. Unha instalación que atenderá especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2025