A Xunta inviste máis de 174.000 euros na mellora da eficiencia enerxética de tres concellos do Baixo Miño
O delegado territorial visitou o resultado dos traballos de substitución da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol das Tornas, en Oia
Na provincia de Pontevedra foron nove os concellos beneficiados por este fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local por valor de preto de 510.000 euros
Oia (Pontevedra), 1 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do campo de fútbol das tornas, no concello de Oia, onde o concello realizou unhas obras de mellora da cuberta dos vestiarios e instalación dunha bomba de calor grazas a unha axuda de máis de 54.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais.
En concreto, os traballos consistiron na substitución da antiga cuberta dos vestiarios, que se topaba xa deteriorada, e na instalación dunha nova con panel sándwich de aceiro e illante de la de roca que permitirá manter unha boa temperatura no interior da construción e reducir o consumo enerxético. Ademais, instalouse unha nova bomba de calor con acumulador de baixo consumo.
O delegado territorial aproveitou a visita para facer fincapé na importancia de “colaborar cos concellos para realizar obras que revertan a favor dos veciños e veciñas” e lembrou que “a Xunta leva anos facendo un esforzo por mellorar a eficiencia enerxética dos edificios públicos, por un lado porque entendemos que é o máis medioambientalmente responsable e, por outro, porque isto supón un aforro moi importante nos gastos correntes das administracións”.
Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 510.000 euros. Na comarca do Baixo Miño tamén recibiron esta axuda os concellos de A Guarda e O Rosal, sumando un investimento total na comarca de máis de 174.000 euros.