Martina Aneiros destaca a boa acollida que está a ter na zona a nova formación acelerada durante unha visita aos alumnos do CIFP Ferrolterra

A delegada territorial da Xunta en Ferrol estivo esta tarde cos alumnos que cursan a primeira quenda dos certificados de Fabricación e Montaxe de instalacións de tubaxes e construción e carpintería metálica nesta modalidade pioneira en Galicia

Lembra que a partir de xaneiro a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP iniciará a formación da segunda quenda dos itinerarios que se impartirán entre os meses de xaneiro a xullo

Ferrol, 1 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no CIFP Ferrolterra aos alumnos que están a cursar a formación acelerada nos certificados de Fabricación e Montaxe de tubaxes e construción e carpintería metálica, unha modalidade pioneira impulsada este curso pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e que permite concentrar a formación nun período de entre catro e seis meses de duración de cara a obter unha certificación profesional.

A representante da Xunta destacou as bondades desta modalidade que se imparte exclusivamente en Galicia e que proporciona aos alumnos unha formación rápida de cara a súa integración laboral, permitíndolles acumular esta formación para obter posteriormente un título de FP. “Doutra banda as empresas poden dispoñer así de man de obra cualificada de forma áxil, sobre todo en aqueles sectores que teñen maior demanda e nos que os estudantes atoparán plena inserción laboral”, explicou Martina Aneiros.

Son 18 os alumnos que cursan a primeira quenda formativa destes dous certificados que se imparten de setembro a xaneiro. A delegada territorial lembrou que a partir do 21 de xaneiro comezarán a súa formación os participantes nas segundas quendas de ámbolos dous itinerarios que se estenden de xaneiro a xullo.

Aneiros comprobou durante a visita o grao de satisfacción dos alumnos con esta nova modalidade formativa da que destacou “tivo unha moi boa acollida na zona, grazas en boa parte a que combina un 65% de formación no centro e un 35% na empresa”. Así, ademais dos mencionados certificados do CIFP Ferrolterra, no ámbito da Delegación Territorial tamén se imparte esta modalidade no grado de Repostería en restauración no CIFP Fraga do Eume.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2025