A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe Viveiro, onde se instalará unha das 40 novas estacións previstas, concretamente, a do río Landro

A Xunta destina case 2,4 M€ a implantar unha nova rede de calidade das augas na demarcación Galicia-Costa

Ángeles Vázquez explica que os traballos, cun prazo de execución de oito meses, permitirán que o próximo verán esta conca hidrográfica poida dispoñer dun sistema con capacidade para medir en tempo real varios parámetros e xerar alertas

Está prevista a instalación de 40 estacións nos ríos da bacía aínda que o contrato tamén inclúe unha actualización de 23 das 97 infraestruturas de aforo actuais e o desenvolvemento dunha aplicación para integrar e analizar a información recollida

Viveiro (Lugo), 2 de decembro de 2025

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, destinará case 2,4 millóns de euros á implantación dunha nova rede básica de control da calidade das augas na Demarcación hidrográfica de Galicia-Costa así como á execución doutras tarefas complementarias.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe Viveiro para anunciar a recente adxudicación deste contrato, no marco do cal está previsto que se instalen 40 novas estacións de calidade da auga en toda a bacía, unha delas, precisamente, nun tramo do río Landro que atravesa este municipio lucense.

Financiados con fondos europeos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a responsable autonómica explicou que o obxectivo dos traballos contratados é deseñar, instalar e poñer en marcha a referida rede co fin de realizar medicións de forma continua de parámetros clave (tales como pH, condutividade, turbidez, osíxeno...), xerar sistemas de alerta ante valores anómalos e analizar a evolución temporal dos datos. O prazo de execución do contrato é de oito meses polo que se prevé que o novo sistema estea en funcionamento o próximo verán.

Grazas á información que se poderá obter a través desta nova rede de estacións, Augas de Galicia terá un mellor coñecemento sobre a calidade das augas dentro da conca autonómica así como a súa posible relación con factores como poden ser o cambio climático e os diferentes usos do solo.

Así mesmo e de forma complementaria á obtención de datos en tempo real, o novo sistema tamén actuará como mecanismo de alerta temperá ante a detección de posibles anomalías nos parámetros monitorizados, o que permitirá ofrecer unha resposta inmediata ante posibles situacións de risco que afecten ás masas de auga.

Cómpre indicar que a localización destas 40 novas estacións de calidade da auga coincidirá con lugares que a día de hoxe xa contan cunha estación de aforo instalada. De feito, entre as actuacións complementarias que se van acometer no marco deste contrato, cómpre destacar a actualización de 23 das 95 infraestruturas de aforo que hai en servizo en Galicia-Costa.

Con tal fin, procederase á substitución dos dispositivos de medición (dataloggers) para adaptalos á tecnoloxía da nova rede así como á instalación de tres perfiladores radar para rexistrar, sen contacto, a velocidade superficial da auga en ríos e canais, especialmente en condicións de posibles avenidas e fluxos elevados.

Así mesmo, desenvolverase unha aplicación informática para integrar e analizar os datos recollidos. Esta ferramenta tecnolóxica permitirá que a rede poida operar cos sistemas de xestión de Augas de Galicia, facilitando a visualización centralizada da información, a tramitación das alertas e a xeración de informes. A maiores, a aplicación permitirá identificar tendencias, simular escenarios futuros e mellorar a planificación.

En definitiva, tal e como destacou Ángeles Vázquez, a execución deste contrato permitirá á Xunta mellorar o control tanto da calidade como da cantidade das augas na demarcación Galicia-Costa (a única da Comunidade de titularidade autonómica).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2025