A Xunta pon en valor en Montevideo o traballo cultural do Centro Valle Miñor na conservación das tradicións galegas
Montevideo, 2 de decembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto coa delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, asistiu en Montevideo á mostra cultural de fin de ano organizada polo Centro Valle Miñor, onde salientou o esforzo desta entidade por manter viva a tradición musical e artística galega, especialmente a través do traballo formativo das escolas destinadas ás novas xeracións.
Durante o acto, Miranda puxo en valor a intensa actividade cultural que Valle Miñor desenvolve ao longo de todo o ano e que “constitúe un elo fundamental entre Galicia e a súa diáspora”. O secretario xeral agradeceu á directiva e aos participantes o seu compromiso coa galeguidade e destacou que a Xunta seguirá acompañando iniciativas que fortalecen a identidade, a convivencia e a presenza cultural de Galicia no exterior. Nese senso, recordou que o Centro Valle Miñor é un dos centros que forman parte da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas por América.