María José Gómez enxalza o papel do Grupo Lence a prol do desenvolvemento do sector lácteo galego
A conselleira do Medio Rural participou hoxe no acto organizado con motivo do 50 aniversario desta empresa lucense, no que avanzou que a próxima semana farase o segundo pago das axudas correspondentes á campaña 2025 da PAC
Destacou que Galicia lidera a produción láctea en España con máis de 3 millóns de toneladas en 2024, o que sitúa á nosa comunidade como unha das rexións europeas máis destacadas neste sentido
Afirmou que este é un eido atractivo para a mocidade, que encontra nel un proxecto de vida e sinalou que arredor dun terzo dos produtores teñen menos de 45 anos
Lugo, 4 de decembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delgado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no acto polo 50 aniversario de Grupo Lence, onde enxalzou o papel desta empresa lucense dentro do desenvolvemento do sector lácteo galego.
Durante a súa intervención, a conselleira destacou o compromiso de Grupo Lence co territorio e coa xente desde os seus inicios. Neste sentido, puxo en valor a figura de Jesús Lence por apostar polo rural galego nos anos 70, traendo modernidade ao sector lácteo, apoiando ás familias gandeiras e xerando máis emprego dentro deste eido produtivo.
Ademais, salientou que este é o camiño que segue a empresa desde entón, agora con Carmen Lence, que mantivo a súa aposta pola modernización e a profesionalización do lácteo, un sector fundamental para a economía galega. A titular de Medio Rural puxo en valor a figura da CEO do Grupo Lence como exemplo de liderado feminino. Así, destacou o papel “fundamental” das mulleres no agro galego, que pronto se verá reforzado coa publicación do Estatuto da Muller Rural.
Gómez engadiu que Grupo Lence contribúe a que Galicia lidere a produción láctea en España con máis de 3 millóns de toneladas en 2024, o que sitúa á nosa comunidade como unha das rexións europeas máis destacadas neste sentido. A maiores, lembrou que se está a piques de acadar o obxectivo de transformar o 75% do leite, segundo o marcado na Estratexia de dinamización do sector.
Novo pago das axudas da campaña 2025 da PAC
A conselleira avanzou que na próxima semana farase o segundo pago das axudas correspondentes á campaña de 2025, tras o anticipo que xa recibiron en outubro os gandeiros e agricultores galegos, como exemplo da xestión rigorosa e áxil do Goberno galego destas axudas. Neste senso, lembrou outros apoios do Executivo autonómico como é a formación, as axudas directas e indirectas ou os programas de titorización para favorecer a incorporación.
Asemade, Gómez aproveitou para insistir en que o lácteo é un eido atractivo para a mocidade, que encontra nel un proxecto de vida. Neste sentido, sinalou que arredor dun terzo dos produtores teñen menos de 45 anos, “o que garante a remuda xeracional” para o rural galego.