O delegado visita unha das 21 formacións de árbores senlleiras da provincia para lembrar a convocatoria de axudas da Xunta para a súa mellora e conservación

A Xunta destina un total de 90.000 euros ao coidado e conservación das árbores e formacións senlleiras de Galicia

O delegado territorial destacou o “traballo impecable” que se leva a cabo na Estación Fitopatolóxica e a importancia de “coidar o noso patrimonio natural”

Pontevedra, 5 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en Pontevedra, onde se achegou a unha das formacións de árbores senlleiras ás que a Xunta apoia a través das axudas para a conservación e mellora de árbores e formacións senlleiras de Galicia.

Estas achegas, que contan cun orzamento para toda Galicia de 90.000 euros repartidos en dúas liñas –30.000 euros para apoiar a concellos ou agrupacións locais titulares dalgún destes elementos senlleiros e outros 60.000 destinados a axudar a executar actuacións promovidas por propietarios particulares-, financiarán os coidados de ata 55 árbores e 21 formacións senlleiras na provincia de Pontevedra.

O importe das achegas poderá cubrir ata o 100% dos gastos subvencionables realizados ata o 15 de outubro de 2026 —entre os que se inclúen traballos de poda e control da copa, tratamentos fitosanitarios, retirada de elementos prexudiciais ou accións de divulgación e sinalización—, cun límite de 8.000 euros no caso das formacións senlleiras e de 4.500 euros cando se trate dunha soa árbore.

Ademais, este ano e como novidade, considerouse convinte incluír como criterio de valoración das solicitudes que o elemento en cuestión estea localizado nalgún dos municipios que se viron afectados polos incendios do pasado verán.

Con estes apoios, a Xunta leva anos contribuíndo a que se executen accións destinadas a garantir o mantemento, posta en valor e protección destes exemplares singulares, que en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou outro tipo de circunstancia son merecedores dunha especial protección.

Cómpre salientar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

O delegado territorial destacou o “traballo impecable que se leva a cabo na Estación Fitopatolóxica e o cariño co que se coida deste tipo de árbores históricas que son parte do noso patrimonio natural”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025