Belén do Campo pon en valor na súa visita á adega Chaos o apoio do Goberno galego ao sector vitivinicola a través das diversas liñas de axuda

Esta adega recibiu unha achega de máis de 143.000 euros da orde para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas para acometer unha reforma da nave principal ademáis de para a instalación de equipamentos destinados á elaboración de viño

Ademais contan con outra achega de 30.000 euros para incorporación de mozos e dúas achegas da orde de reestruturación e reconversión de viñedo unha de máis de 68.000 euros e outros 7.100 euros das últimas convocatorias

Nas Catas Galicia 2025, un dos eventos máis relevantes do panorama vitivinícola galego, o seu viño Folía de Chaos acadou o Acio de Ouro na categoría de Viños de Colleiteiro e Pequenas AdegasBrancos, consolidándose como un referente da produción artesanal e de proximidade

Vedra (A Coruña), 9 de decembro de 2025

 A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co  alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou hoxe as instalacións da Adega Chaos situada na parroquia de San Mamede de Ribadulla, para poñer en valor as distintas axudas que esta entidade recibiu da Consellería do Medio Rural para impulsar o seu proceso de modernización e fortalecer a súa actividade vitivinícola. A adega está inscrita na DO Rías Baixas, na subzona de Ribeira do Ulla, e comercializa os seus viños baixo as marcas Folía de Chaos Albariño e Folía de Chaos Tinto. A delegada subliñou que esta adega recibiu, nos últimos anos, case 250.000 euros, das diferentes liñas de axudas da Consellería de Medio Rural.

Esta adega, constituída en 1989, conta cunha xunta reitora composta por catro socios, é arrendataria dunha parcela de seis hectáreas no lugar de Corbeixe. Nesta finca atópanse varias edificacións tradicionais entre as que destaca a nave de 275,96 m² que foi obxecto dunha profunda reforma para a instalación da maquinaria e equipamentos destinados á elaboración de viño.

Belén do Campo comprobou esta reforma acometida, cunha axuda da orde para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, da que esta adega resultou beneficiariapor un importe de máis de 143.000 euros, o 40% do investimento.

 A actuación  incluíu a demolición de muros interiores de pedra, a retirada da cuberta e da carpintería, así como o reforzo da estrutura do novo forxado e da cuberta. Executáronse tamén traballos de explanación, recheo e acondicionamento dos locais interiores. A cuberta rematouse con tella envellecida sobre panel de dobre chapa, mentres que nas fachadas se conservaron os muros de pedra, sometidos a limpeza, picado e rexuntado.

Xunto coa obra civil, instaláronse sistemas de electricidade, protección contra incendios, fontanería, saneamento e refrixeración, ademais da maquinaria necesaria para o proceso de elaboración do viño. Entre o novo equipamento destaca unha prensa pneumática e sete depósitos que suman unha capacidade total de 25.000 litros.

Recoñecementos

Na visita a representante do Goberno autonómico destacou a gran revelación do seu Albariño Folía de Chaos 2024, consolidándose como un dos viños brancos máis destacados da súa categoría ao obter importantes recoñecementos en tres prestixiosos concursos nacionais e autonómicos celebrados neste 2025.

Nun dos logros máis relevantes, o Folía de Chaos 2024 foi galardoado coa Medalla de Ouro en Vinespaña 2025, converténdose nun dos mellores Albariños valorados polo xurado profesional deste certame estatal, referencia na análise e cualificación de viños de alta calidade.

Así mesmo, o viño foi distinguido cunha Medalla de Prata nos Premios Baco 2025, concurso organizado pola Unión Española de Catadores, que recoñece os mellores viños novos do país.

Por último, nas Catas Galicia 2025, un dos eventos máis relevantes do panorama vitivinícola galego, Folía de Chaos acadou o Acio de Ouro na categoría de Viños de Colleiteiro e Pequenas AdegasBrancos, consolidándose como un referente da produción artesanal e de proximidade.

Orde 2026

A delegada adiantou que, nos próximos días, volverase a convocar de novo estas axudas para os anos 2026-2027 por un importe de case 5,5  millóns de euros.

O obxectivo destas axudas é mellorar o rendemento global das empresas vitivinícolas galegas e a súa capacidade de adaptación ao mercado, así como reforzar a competitividade dun sector estratéxico para o rural galego. Poden acollerse a elas adegas, organizacións de produtores, asociacións con personalidade xurídica e organizacións profesionais e interprofesionais.

Con estas axudas poderanse realizar investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mesmo co fin de mellorar o aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e os procesos sostibles.

As subvencións poden cubrir custos de construción, mellora ou adquisición de bens inmobles, compra de maquinaria e equipamento, gastos administrativos, así como investimentos en software, patentes, licenzas ou rexistro de marcas colectivas.

Outras axudas recibidas pola SAT Egapor

Ademais, desta liña, Belén do Campo destacou que Adega Chaos recibiu outras tres subvencións da Consellería do Medio Rural, unha axuda de incorporación da mozos de 30.000 € e dúas achegas da orde de reestruturación e reconversión de viñedo unha de máis de 68.000 euros e outros 7.100 euros das últimas convocatorias.

A delegada subliñou que todas estas axudas son mostra do compromiso da Xunta co futuro do sector vitivinícola galego, apoiando tanto a mellora das instalacións como o relevo xeracional, clave para garantir a continuidade e o dinamismo das explotacións.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025