Medio Rural organiza as xornadas profesionais Castaña con selo, o sabor galego para analizar a situación deste sector na comunidade

Ao encontro asistiron representantes de toda a cadea de valor da castaña, nun espazo de diálogo no que se puxeron en común inquedanzas e novas propostas para seguir avanzando neste eido

A titular deste departamento participou hoxe nunha mesa redonda enmarcada nesta acción, onde resaltou que Galicia é líder na produción e exportación de castañas en España, con empresas transformadoras que compiten a nivel internacional

Lembrou que para impulsar este eido o Goberno autonómico desenvolveu o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña para favorecer a recuperación dos soutos tradicionais e a dinamización deste recurso

María José Gómez incidiu na importancia de apostar pola innovación e a transformación co fin de elaborar produtos derivados da castaña para outorgarlle valor engadido e fomentar un consumo non estacional

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nas xornadas profesionais Castaña con selo, o sabor galego impulsadas polo seu departamento, e que teñen como obxectivo analizar a situación deste sector en Galicia da man dos profesionais que traballan nel.

A este encontro asistiron representantes de toda a cadea de valor da castaña (produtores, industria transformadora, comercialización e administración), nun espazo de diálogo no que se puxeron en común inquedanzas e novas propostas para seguir avanzando neste eido. Así, nunha mesa redonda, a conselleira do Medio Rural destacou que este sector é fundamental para Galicia, tanto pola súa dimensión económica como pola importancia no eido ambiental e cultural; ao contribuír á conservación do solo, á prevención de incendios forestais e a xerar emprego en zonas rurais.

María José Gómez destacou que Galicia é líder neste sector, ao estar consolidada como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, xa que en Galicia se producen máis da metade das castañas do país. Neste sentido, as empresas galegas, tanto de primeira como segunda transformación, compiten a nivel internacional.

Programa estratéxico

Para impulsar este eido, o Goberno autonómico desenvolveu o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, unha medida prioritaria dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que ten como fin constituír unha folla de ruta para a recuperación dos soutos tradicionais e a dinamización deste recurso, tanto para a economía rural como para a biodiversidade.

A comunidade dispón tamén dun selo de calidade específico, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, protagonista desta xornada, e que conta cunha superficie inscrita de 1.397 hectáreas e 170 produtores adheridos. Gómez lembrou que, dende finais de 2024, a totalidade do territorio galego cumpre as condicións de clima e solo compatibles coa produción de castaña de calidade. De feito, daquela ampliouse a toda Galicia o ámbito desta IXP.

Innovación e transformación para aportar valor engadido

A titular de Medio Rural incidiu na importancia de apostar pola innovación e a transformación tamén neste sector, co fin de elaborar produtos derivados da castaña para outorgarlle valor engadido, o que impulsaría a súa comercialización. Asegurou que este produto ofrece un amplo abano de posibilidades culinarias, polo que o seu consumo non ten que ser unicamente estacional. Así, recordou que por parte do Goberno autonómico seguirá a impulsarse este sector dun xeito transversal, co fin de potenciar a súa produción e comercialización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025