Belén do Campo participa na celebración da patroa do Exército do Aire e do Espazo no Aeródromo Militar de Santiago

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asistiu hoxe á celebración da Nosa Señora de Loreto, patroa do Exército do Aire e do Espazo, que tivo lugar no Aeródromo Militar de Santiago.

No acto, presidido polas autoridades militares do aeródromo, destacouse o labor que desenvolven diariamente as unidades do Exército do Aire e do Espazo, comprometidas coa seguridade, a defensa e o servizo á cidadanía. Belén do Campo subliñou a importancia do traballo que estes profesionais realizan en Galicia, tanto en operacións aéreas como en tarefas de apoio na loita contra os incendios forestais, emerxencias e colaboración institucional.

A delegada da Xunta trasladou o seu recoñecemento a todo o persoal destinado no aeródromo, agradecendo “o seu espírito de servizo, entrega e dedicación, que contribúen á protección e benestar da sociedade galega”. Ademais, puxo en valor a coordinación permanente entre a Administración autonómica e as Forzas Armadas en ámbitos como a prevención e loita contra incendios, as emerxencias e a seguridade cidadá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025