A Xunta premia cinco proxectos audiovisuais de escolares da Coruña, Laxe, Cospeito e Castroverde por promover a innovación científica en lingua galega

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entrega os galardóns aos centros gañadores deste concurso, ao abeiro da celebración do Mes da Ciencia en Galego

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe os premios aos cinco centros escolares das localidades coruñeses da Coruña e Laxe e das lucenses de Cospeito e Castroverde, que resultaron gañadores do Concurso Galego de Vídeos Científicos 2025. O certame está convocado, ao abeiro do Mes da Ciencia en Galego, pola Institución Galega da Ciencia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de promover entre a rapazada a innovación científica en lingua galega.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estivo acompañado polo presidente de Igaciencia, Manuel Díaz Regueiro, e por alumnado e profesorado de centros premiados, aos que lle agradeceu a súa participación neste tipo de iniciativas. “Fomentan a creatividade desde un enfoque multidisciplinar para reafirmar o valor da lingua propia no ámbito científico nunhas idades onde é tan importante a motivación e os referentes”, celebrou.

Ciencia, lingua e mocidade

Na edición 2025 resultaron gañadores o instituto Menéndez Pidal da Coruña, polo traballo Estróbilo; o colexio de Infantil e Primaria de Laxe, polo vídeo científico Foguete de Cabo; o centro Eusebio da Guarda, da Coruña, por  A Relatividade; a escola Virxe do Monte de Cospeito, polo proxecto O efecto invernadoiro e a escola de Castroverde, por Somos materia de estrelas.

A rapazada gañadora, que expuxo no acto os seus traballos, recibiu un premio económico por centro, un lote de libros e un diploma acreditativo como agasallo. Todos os vídeos cos proxectos premiados poden consultarse na páxina web de Igaciencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025