Román Rodríguez destaca o medio século da Facultade de Filoloxía de Santiago formando profesionais da lingua e da cultura

O conselleiro de Educación participa na presentación do libro ‘De Mazarelos a Vista Alegre’, que pecha o calendario de actividades conmemorativas do 50 aniversario

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, participaron esta mañá na presentación do libro De Mazarelos a Vista Alegre. Medio século da Facultade de Filoloxía da USC, acto que pon o ramo ás actividades conmemorativas do medio século de vida deste centro universitario.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, destacou os 50 anos desta facultade formando profesionais da lingua e da cultura. “Grandes persoeiros das nosas letras de hoxe e, por suposto, da nosa cultura foron alumnos nestas aulas”, dixo. Así mesmo, puxo en valor a capacidade do centro para adaptarse aos tempos, partindo dunhas das ensinanzas máis tradicionais no ámbito universitario ata ofrecer un completo catálogo de graos, plenamente actualizado.

O libro presentado conmemora un percorrido de medio século, desde a creación da Facultade de Filoloxía na praza de Mazarelos en 1975 ata a actualidade, xa nas instalacións no barrio compostelán de Vista Alegre. Faino a través dunha cronoloxía anual que permite seguir a súa evolución, así como cunha escolma de textos de persoas que forman ou formaron parte dela. A súa presentación completa o amplo programa de actividades deste aniversario, que incluíu encontros con persoeiros da cultura galega e un congreso internacional, entre outras iniciativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025