A Xunta concede preto de 240.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental aos proxectos de mellora do medio ambiente e eficiencia enerxética das Pontes

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao municipio para comprobar o resultados das actuacións acometidas con estas axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

O Concello de Cedeira tamén resultou beneficiario desta convocatoria de subvencións que destinou á adquisición dun novo camión con grúa e á contratación de persoal

As Pontes (A Coruña), 12 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol., Martina Aneiros, visitou esta mañá o Concello de As Pontes onde supervisou as actuacións acometidas con cargo á axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da liña non competitiva concedida este ano pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Esta achega autonómica, que ascendeu a 239.936,26 euros, concedeuse para os proxectos de conservación da zona de servidume na ribeira dos ríos e do lago das Pontes e de eficiencia enerxética no alumeado público.

No caso do primeiro, incluíu a execución de actuacións de mellora do estado ambiental e funcionamento hidráulico das canles fluviais dentro da zona urbana do municipio -ríos Eume, Chamoselo, Brixeo e no regato dos Covelos- e do contorno do lago, co obxecto de acondicionar as súa marxes mediante a limpeza de vexetación e a retirada de obstáculos como poden ser árbores desequilibradas próximas aos ríos.

Novo camión para Cedeira

Posteriormente, a delegada desprazouse ao Concello de Cedeira, outro dos municipios do ámbito territorial beneficiarios das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.

Neste caso, acompañada polo alcalde, Pablo Moreda, coñeceu a última incorporación ao parque de maquinaria municipal. Trátase dun camión con caixa basculante en aluminio e grúa incorporada que se destinará a tarefas de protección do Medio Ambiente. A achega autonómica ascendeu a 88.116,24 euros e ademais de destinarse á adquisición deste vehículo, permitiu sufragar a contratación de persoal.

A delegada territorial lembrou que As Pontes e Cedeira son dous dos 11  municipios do ámbito territorial, xunto aos de A Capela, Cariño, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño, beneficiarios este 2025 da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental que deixou na zona máis de 856.000 euros en axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025