O delegado territorial destaca o apoio da Xunta á rede de bibliotecas escolares na provincia de Ourense a prol do desenvolvemento educativo

Manuel Pardo subliñou que na última convocatoria do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, foron beneficiarios 65 centros ourensán con mais de 80.000 euros

A través desta iniciativa a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino mediante a aportación de recursos tanto para ferramentas de aprendizaxe e recursos para material didáctico

Ourense, 12 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse esta mañá ao colexio CEIP Manuel Sueiro, no concello de Ourense, un dos 65 centros educativos da provincia de Ourense beneficiados do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), no que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, destinou máis de 80.000 euros na última convocatoria.

O delegado territorial detallou que a través desta iniciativa, a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino mediante a aportación de  recursos tanto para ferramentas de aprendizaxe e recursos para material didáctico. Así mesmo, con estas axudas os centros de ensino poderán ampliar os fondos bibliográficos, modernizar o mobiliario e equipamentos ou sufragar gastos de mantemento e xestión das súas bibliotecas.

Manuel Pardo aproveitou a súa visita para poñer en valor a importancia das bibliotecas escolares como lugares de fomento da lectura e tamén de traballo en equipo e de convivencia, e lembrou que o Goberno galego leva anos impulsándoas e potenciándoas a través de iniciativas como a Biblioteca Creativa, Lectura e Familias ou os Clubs de lectura, entre outras, co obxectivo de converter a estes espazos en centros neurálxicos de aprendizaxe dos saberes básicos e da adquisición de competencias, como para impulsar a innovación, a creatividade.

O representante do Goberno galego rematou remarcando o papel clave que xogan as bibliotecas escolares para acometer as accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, como é o programa de reforzo da comprensión lectora. Como explicou, esta iniciativa artéllase a través da posta a disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes. Así, a biblioteca escolar funcionará como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025