Villaverde amosa a súa preocupación pola última proposta de Tacs e Cotas
Lamenta que o documento de compromiso estea baseada na proposta máis restrictiva feita polo ICES e que a CE “peque, unha vez máis, dun enfoque medioambientalista”, obviando os informes socioeconómicos
Bruxelas, 12 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, manifestou neste segundo día de negociacións dos TACs e Cotas pesqueiros para o vindeiro ano a súa preocupación pola marcha actual dos traballos, que afectan, sobre todo, a especies de especial relevancia para Galicia como son a xarda, o lirio e o abadexo.
Neste senso, Villaverde apela á prudencia, pero tamén á responsabilidade do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que é o encargado de defender os intereses de España neste marco negociador, para que faga valer os intereses do sector pesqueiro e se poida mellorar a última proposta que se puxo enriba da mesa.
E é que malia que para o abadexo se conseguiu rebaixar o recorte do 26 ao 20 %, “non é unha cantidade significativa, pois só representa unhas 100 toneladas”. Ademais, no caso do lirio, indicou que aínda non trascenderon novidades significativas.
Polo que atinxe á xarda, hai que lembrar que a proposta inicial do ICES prevía unha redución do 70 %, é decir, pasar de aproximadamente 575.000 toneladas a case 175.000. A estas alturas das negociacions, se non houbera un acordo, proponse un TAC provisional do 80 % do documento inicial para o primeiro semestre do 2026, e dicir, sobre 140.000 toneladas, agardando que os Estados ribereños acaben un acordo neste período e tendo en conta os datos científicos dos que se dispoñan nese momento para esta pesquería estacional.
Villaverde lamenta que, unha vez máis, as propostas parten do valor mínimo de referencia relativo á avaluacion biológica feita polo ICES, sen ter en conta o impacto socioeconómico que estas decisións supoñen para o sector pesqueiro galego, e que segundo os informes facilitados tanto ao ministro como ao comisario europeo podería acadar uns 65 millóns de euros.
“Preocúpannos estes datos e que a Comisión Europea peque, unha vez máis, dun enfoque e sesgo medioambientalista e biolóxico”, evidenciando que este órgano non está a ter en conta a vertemte socioeconómica, concluíu a conselleira.